Fervenza do Toxa / foto XosemaCCBY

Os domingueiros colapsan e esnaquizan parte dos accesos ó salto do Toxa

Tempo de lectura: 3 min.

As visitas de fin de semana e o transporte particular volven demostrar que a harmonía entre visitar ó patrimonio e o respecto polo lugar non sempre van da man. Pois, se fai uns días en HdG xa recollíamos o caso do poboado do Cebreiro, no que se colapsaba unha importante estrada e se poñían en risco as pallozas pola inconsciencia dalgúns, agora é o turno das Fervenzas do Toxa, no concello de Silleda, que están a sufrir tamén os problemas derivados da inconsciencia de algúns dos seus visitantes.

E é que o Concello de Silleda tomou precisamente nos pasados días a decisión de comezar a sancionar ós condutores que non respecten o lugar e a súa sinalización de tráfico. A medida adoptouse tras o reiterado incumprimento da sinalización que prohibe circular na pista que vai directa ao miradoiro sobre a Fervenza, na parroquia de Pazos, onde hai xa varios meses que se levou a cabo unha importante reordenación dos accesos.

O punto de inflexión foi a fin de semana do 16 e 17 de febreiro, cando se atoparon importantes estragos no acceso á un dos miradoiros da Fervenza na que os vándalos danaron varios elementos de madeira. Foi neses días nos que apareceu esnaquizada a barreira que evita o tráfico, situada ao inicio do camiño peonil que baixa á fervenza. Tamén se roubou unha parte da varanda situada no tramo da presa.

“Visto que moitos visitantes non están a respectar a sinalización que se instalou cando se abriu o aparcadoiro, e obvian o sinal que prohibe a circulación na pista cara Quintás e o miradoiro –agás aos residentes-, e visto que ademais seguen a aparcar en fincas privadas, vémonos na obriga de comezar a sancionar”, explica o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña.

Unha ordenación do lugar desprezada por moitos visitantes

O alcalde lembra tamén os prexuízos que están a sufrir os veciños da parroquia, “que durante anos viñan reclamando unha solución e que seguen vendo como pese a todo o que se fixo seguen a ser moitos os visitantes que non respectan a reordenación levada a cabo”. “Lamentamos profundamente que unha vez máis o mobiliario público, e moi especialmente nun entorno coma este, volva sufrir este tipo de ataques”, indicaba.

O mosteiro de Mosteiro de Carboeiro forma un tandem espectacular co Salto do Toxa / foto AlmaCCBy Wikimedia

“Hai dous anos comezamos a actuar retirando o tráfico deste entorno natural protexido, unha medida que consideramos de interese xeral, para evitar danos e situacións de perigo que se tiñan producido, con persoas que se arriscaban incluso baixar en coche case ata o pé da fervenza”, explica o alcalde. Coa retirada do tráfico colocáronse dúas barreiras de madeira que impedían o paso de vehículos non autorizados, tamén se buscaba evitar danos no camiño de baixada e no entorno natural, incluído na Rede Natura 2000.

A concelleira de Turismo, Ana Luísa González, explica que “o seguinte paso foi dotar a zona dun estacionamento e crear un novo acceso ata o miradoiro, con intención de seguir mellorando conscientes da imporante deste lugar”. Coa apertura do estacionamento colocáronse sinais prohibindo circular “que tristemente vemos que non se respectan”.

Salto do Toxa / detalle Falvarez CCBY

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: