Casa rural en Santa Marina de Augas Santas / foto LoedaCC0

Por que non acaba de despegar o turismo rural en Galicia?

O turismo rural en Galicia segue sen despegar. Así o sinalan os datos aportados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e facilitados por Turismo de Galicia para o ano 2018 nos últimos días e que revelan que este sector lonxe de despegar está a estancarse en Galicia. E é que este pasado 2018, pese a que conseguiu a súa maior cifra ata o de agora, con 217.735 viaxeiros aloxados sufriu porén o menor incremento interanual do último lustro, continuando coa tendencia dos últimos anos.

E é que a liña ascendente que levaba o noso turismo rural dende comezos da década, e que podía aventurar por fin o seu tan agardado despegue, nos catro ultimos anos tirou do freo de man. Pois dende ese ano 2015, en que crecía a un ritmo de preto de 40.000 turistas anuais, foise reducindo cada ano a practicamente a metade ata que neste 2018 o incremento anual foi de tan so 1.215 pernoctacións. Sendo, iso si, dende o 2013 dun nada desprezable 68%.

EvolucionTurismo Rural / Imaxe Turismo de Galicia

A oitava comunidade

E é que, moi previsiblemente, estes datos darán lugar a que Galicia neste ano siga estancada no oitavo lugar no ranking de comunidades autónomas. Lonxe da imaxe que dende a Xunta se quere lanzar, Galicia non está nin moito menos á cabeza desta modalidade de turismo. Galicia, pese a ser unha comunidade que en principio podería ser unha auténtica potencia no sector, leva anos na parte media da táboa, so por enriba de Extremadura, Aragón e as comunidades máis pequenas.

Galicia quedaría previsiblemente, segundo os datos de 2017, unha vez máis por baixo de comunidades como Cantabria, Baleares e Asturias, ás que Galicia sextuplica ou triplica en extensión, respectivamente, así como de Andalucía, Cataluña e das dúas “Castelas”. Andalucía levaríalle 120.000 turistas máis, a pesar, iso si, de ser moito máis extensa. Pola contra Cataluña, unha comunidade de practicamente a mesma extensión duplicaría os números galegos mentres Castela e León multiplicaría a súa cifra por case 3,5 -case a mesma que a súa extensión-.

unha casa rehabilitada / foto SchnauzerCC0

Un novo Plan Estratéxico

Porén, a boa nova, á marxe dos aspectos cuantitativos, é a preparación por parte da Consellería de Cultura e Turismo da dun novo Plan Estratéxico de Turismo Rural. Nel se pretende dar un novo pulo esta modalidade de turismo que crea riqueza en zonas deprimidas do territorio e que precisa dunha máis que necesaria axuda para tratar de despegar.

Este plan, ademais de centrarse no consolidación da oferta ó redor dos xeodestinos deseñados pola Xunta, contemplará melloras nos propios aloxamentos. Prevese unha mellor coordinación e unha liña de axudas do Plan MAT, presentada este xaneiro pola Xunta. Con el prevese a mellora de aloxamentos turísticos. cunha liña de subvencións para actuacións complementarias dentro dos aloxamentos actuais, co obxectivo de renovar instalacións.

Un recuncho de Galicia / foto AmorPropioBrandingCC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: