fbpx
Membros do Capitán Gosende a carón do petróglifo de Ricovanca, en Beariz

Novos achados na terra do home que se deitaba na cama, pousaba a cabeza en Ourense e os pés, en Pontevedra

Tempo de lectura: 3 min.

O domingo 17, a tropa do Capitán Gosende decidiu perderse polos ermos montuosos que se estenden ao nacente (e na nacente) do río Verdugo. A poñente, dexergabamos a cara B do monte do Seixo, a cara oculta. Cuestión de perspectiva, para os de Cerdedo, a cara vista do Seixo ten a Laxamoura no medio da testa.

A media tarde, mentres atravesabamos o esporón que a silueta do concello ourensán de Beariz brande entre os concellos pontevedreses de Forcarei (N) e A Lama (S) (véxase o Topográfico), a compañeira Alicia Garrido botaba para o fardel das descubertas outro gravado rupestre. A talla prehistórica distribúese a distintos niveis nun rochedo metamórfico aflorado na lomba leste do montiño que afasta os poboados de Ricovanca, Adrián ou Ratel dos de Framia, Correa ou Doade (todos pertencentes á parroquia de Xirazga). O topónimo “Adrián” non figura no Nomenclátor. Neste recurso, ningún “Hadrián” ou “Adrán” se rexistran para Beariz.

Aínda que o lugar de Ratel se adscribe á parroquia de Presqueiras (Santa Mariña), é detalle curioso que a fronteira interparroquial, interprovincial e entre concellos atravese polo medio do casarío e mesmo deixe unha vivenda aos ventos de ambas as dúas xurisdicións. A lenda do xigante nomeado “o home da leghua” que recollín, xacando, en Ratel, e que incluín nas do monte do Seixo, ten a súa orixe nesta peculiaridade: “Era un home tan ghrande, tan ghrande, tan ghrande que cando se deitaba na cama, pousaba a cabeza en Ourense e os pés, en Pontevedra”.

Lendas á parte, dende aquel intre gozoso, o patrimonio de Beariz víase arrequecido cun novo sitio arqueolóxico. Agardamos que para os naturais sexa motivo de ledicia. Para nós foino, pero, de boas intencións está o inferno cheo.

Petróglifo de Ricovanca, e Beariz / Capitán Gosende

Petróglifo de Ricovanca

Decidimos denominar o achado “petróglifo de Ricovanca”, por mor da proximidade co devandito lugar. A inscultura localízase a uns 500 m, en liña recta e cara ao sueste, de Ricovanca (Xirazga-concello de Beariz); a uns 925 m, cara ao sueste, da aldea de Ratel (Presqueiras (Sta. Mariña)-concello de Forcarei), e a uns 1.300 m, cara ao nordés, da aldea da Barcia (A Barcia do Seixo-concello da Lama). Así mesmo, sitúase nas proximidades do trazado dun antíquisimo camiño “vreeiro”, itinerario de arrieiros, amolloado de milladoiros.

  1. Caridad Arias (2003) deriva “Ricobanca” de *Rico-banica, procedendo o segundo elemento do nome celta Ban(n)io. Eu atrévome a dicir que o topónimo pode ser xunción de “río” e “caivanca” ou “cavanca” (ant. “caveanca”), facendo referencia á depresión pola que discorre o Verdugo (non Verduxo), a corrente fluvial que, con berce na aba leste do monte do Seixo, emboca na ría de Vigo.

O petróglifo de Ricovanca (coordenadas.- X: 553.813; Y: 4.702.696; alt. 790 m) componse, a primeira vista, dunhas 27 coviñas. A crista de xisto que soporta a inscultura presenta unha orientación N-S e unha superficie visíbel duns 45 m2 (colonizada por toxo, carrasco, carqueixa e herbáceas). O diámetro das concavidades vai dende os 4 cm até os 13 cm. A máxima concentración de fossettes dáse na sección sur (18 concavidades; unha coviña con desaugadoiro): xa agrupadas, xa aliñadas ou illadas. Na sección media apreciamos 7 coviñas, labradas na parte máis elevada do afloramento. Na sección norte distinguimos 2 coviñas tanxentes.

A estación petroglífica sitúase a uns 20 m, cara ao norte, dunha pista forestal, entre unha repoboación rara de piñeiros acabada de rozar (xa que logo, prudencia). Dende o sitio arqueolóxico avístase cara ao sur, nun primeiro termo, o aeródromo de Cernedo e, ao lonxe, o curucho de Pena Corneira.

Co gravado rupestre de Ricovanca, o colectivo Capitán Gosende anota na súa conta o petróglifo número 60 e estende a súa área de busca.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...