O Porto do Parrote antes da construción da solana segundo unha recreación / foto cidadevella.com

Algúns detalles históricos para entender o nacemento da cidade da Coruña

No ano 1947, sendo alcalde Alfonso Molina Brandao, deséñase para o lugar popularmente chamado a Solaina un dos hotéis mais modernos de Galicia. Canda el, e pouco despois, deseñaríase un dos maiores complexos deportivos de España con pistas de tenis e varias piscinas exteriores climatizadas e mesmo un areal. Para a construción de tal complexo tivo que facerse o recheo dun entrante natural, ó pé das antigas murallas e do primeiro cárcere da cidade, coñecido como porto do Parrote.

Este pequeno entrante, a xeito de porto, foi de feito o lugar que deu pé o nacemento da cidade medieval da Coruña. Foi en 1208 por Alfonso IX, despois da despoboación da Alta Idade Media, cando se funda por orde real unha cidade libre tan só dependente da coroa, sen señores feudais. A cidade construñiuse sobre un pequeno outeiro a carón do mar e tivo o seu acceso a este e, por tanto, a súa razón de ser a través deste pequeno abrigo.

A Coruña, grabado do século XVII

Os maiores do lugar aínda recordan o lugar antes das obras, unha ensenada, cun areal cativo ó pé dos altos muros do cárcere de granito. Non moi diferente a como fora en tempos. Alí fondearían os barcos, e polas portas do Parrote e o Clavo accederíase directamente ó corazón da cidade. Pouco máis arriba as rexas murallas do castelo da cidade que hoxe poden imaxinarse a través dos muros do xardín de San Carlos.

Porto da cidade medieval e defensa da cidade barroca

Mais co paso do tempo a cidade estendeuse á parte baixa, á chamada Pescadería ou Pescaría, quedando a cidade administrativa e relixiosa na zona alta. Porén a zona do Parrote continuou a ser un dos lugares máis expostos nas incursións polo mar. Así foi cando Sir Francis Drake en 1589 asediou a cidade, xerando a idea de crear novas defensas a xeito de baluartes que protexeran á cidade fronte a futuros asedios.

Baluartes barrocos da Coruña /foto Íñigo M. Riobó

E así foi que durante a Idade Moderna a cidade dotouse de importantes fortificación abaluartadas, é dicir que resistiran á polvora, tanto no estreito do istmo -actual Juana de Vega- como no perímetro da cidade alta -praza de María Pita, Parrote e Mestranza- . Desta época consérvanse parte dos panos da muralla barroca dende o hotel ata o castelo de San Antón. Manténdose como recordo desa relación primitiva da cidade co mar a través do pequeno entrante, as portas barrocas do Parrote, Clavo e San Miguel.

Un lugar de historias insignes

Este lugar adquiriu unha grande importancia na cidade, funcionando o actual paseo do Parrote como barbacana entre as murallas medieval e barroca. Durante tempo foi embarcadeiro de personalidades ilustres. Pola portas do Parrote saíron persoeiros como Carlos I rumbo a Alemaña para a súa coroación, ou Felipe II para contraer matrimonio, entre outros como Pedro I o Cruel ou o rei Fernando de Portugal.

Parte do mural ‘Vista de A Coruña 1669’, de urbano Lugrís / Abanca

Á beira deste lugar tamén se edificou a Real Audiencia e Capitanía Xeral, o edificio administrativo máis importante do Reino de Galicia durante todo o Antigo Réxime. Tamén preto desta pequena enseada, o Arquivo do Reino de Galicia e a Real Academia Galega, vendo percorrer á súa contorna personalidades sobranceiros da historia de Galicia como Manuel Murguía, e sendo testemuña directa de momentos como a caída de Sir John Moore na Guerra da Independencia.

Na década de 1940 o lugar entra na Modernidade coa consolidación dun fenómeno no que a cidade fora pioneira nas primeiras décadas do século XX, o turismo. Porén, na actualidade, a pesares dunha pequena intervención durante a alcaldía de Francisco Vázquez, este espazo e a súa contorna agardan lentamente unha profunda rexeración e a consolidación. Pois compre o lugar recorde ós coruñeses o seu importante papel na historia da cidade.

Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: