fbpx
Detalle dun dos motivos pintados coa localización da mostra datada (recadro verde). Á dereita, calco da pintura datada (en negro) e a figura zoomorfa esquemática infraxacente (vermello) | GEPN-AAT - IPHES

Cova Eirós, a catedral da arte rupestre galega, xa é BIC

Tempo de lectura: 4 min.

O Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC), na categoría de protección de xacemento arqueolóxico, a Cova de Eirós, no termo municipal de Triacastela (Lugo), polo que queda acreditado o seu valor singular.

O Goberno galego lembrou que o expediente foi incoado en abril de 2017 e, no proceso, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) emitiron informes favorables a esta declaración. Así mesmo, das oito alegacións recibidas durante o prazo de exposición pública foron estimadas parcialmente sete delas, o que supón un 87,5% de aceptación. Isto permitiu que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural establecese que a categoría apropiada para este ben fose a de xacemento arqueolóxico en lugar de monumento, tal e como propuña o expediente inicial.

As campañas arqueolóxicas realizadas co apoio da Xunta nesta cavidade cárstica durante os anos 1993 e no período 2008-2016 descubriron restos de ósos das cavernas e ocupacións paleolíticas que abranguían desde o Paleolítico medio (ca. 41.000 BP) ata os momentos finais do Paleolítico superior (ca. 12.000 BP) e indicios de presenza dunha serie de motivos e gravados nas paredes da Gran Sala e nunha das galerías do interior da cavidade. Destes achados dedúcese o excepcional valor científico e patrimonial da Cova de Eirós, ao aglutinar un xacemento paleontolóxico de grande interese no fondo da cova cun xacemento arqueolóxico cunha dilatada secuencia de ocupación. A todo isto cómpre engadir a localización da arte rupestre prehistórica, a primeira deste tipo coñecida na comunidade autónoma galega.

Restos atopados na Cova Eirós / USC

Ósos das cavernas

Aínda que se producen achados arqueolóxicos e paleontolóxicos ao longo de toda a cova, a principal concentración dos primeiros dáse na súa boca, onde se constatan ocupacións do Paleolítico medio e superior, prehistoria recente e medieval. A principal concentración de ósos das cavernas prodúcese ao fondo da galería leste, no lugar onde se formou o lago artificial. En canto á arte rupestre que se documenta na cova, ata o de agora están identificados un total de 13 paneis con 93 motivos que se concentran na gran sala e na galería leste.

Por todo isto, e en termos de valoración cultural, a Xunta destaca que o conxunto de Cova Eirós é un ben senlleiro do patrimonio cultural galego, que reúne valores históricos, artísticos, arqueolóxicos e paleontolóxicos singulares que permiten coñecer a evolución dos usos cavernosos ao longo do tempo, entre os cales destaca o testemuño único dun conxunto de mostras de arte rupestre en Galicia.

Réxime de protección

O decreto establece un réxime de protección xeral mediante o cal as intervencións que se pretendan realizar no xacemento, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, así como a realización de calquera actividade arqueolóxica, deberán ser previamente autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

En canto ao réxime específico, este establece que o acceso ao interior da cova estará restrinxido a investigadores, especialistas e persoal de actividades relacionados coa xestión do ben que o precisen, e sempre que o estudo sexa contribuír á investigación científica da cova ou establecer as medidas que aseguren a súa preservación, mantendo un rexistro do número de persoas e tempo de permanencia na cova. Así mesmo, para a protección do macizo caldario na vertical da cova, poderanse establecer medidas específicas adecuadas para manter as condicións ambientais necesarias no seu interior, incluíndo as actuacións sobre a superficie, no contorno de protección e na zona deamortecemento, entre outras medidas.

Traballos na Cova de Eirós / Asociación Cultural do Iribio

Prehistoria de Galicia

Os resultados acadados nas campañas arqueolóxicas destes últimos anos revelan a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galicia. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

As datacións absolutas confirman o grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós como un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valoren se foi froito dos cambios climáticos ou da nova competencia producida pola arribada da nova especie á rexión.

Por outra banda, o estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós permite achegármonos á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Os últimos traballos levaron a descubrir novos motivos e a afondar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como pode ser a fotogrametría. Ao mesmo tempo, a análise e datación por carbono 14 permite atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores colleiteiros.

Pode que che interese...