Esta é a descoñecida historia de Antón de Noia, o grumete que morreu a carón de Magalhães

Dous galegos chegaron a Sevilla remontando o Gualdaquivir a bordo dunha nao esbandallada que ía remolcada por un barco. O seu nome era Victoria e levaba unha carga de clavo de olor. Os homes eran o mariñeiro Diego Carmena e o grumete Vasco Gómez, os dous de Baiona. Con eles viñan outros 16 tripulantes, na travesía morreran 218 homes e 17 quedaran polo camiño, pois algúns foran retidos en Cabo Verde e outros nas Molucas.

Placa cos nomes dos superviventes da expedición de Magalhães na antiga casa do concello de Sanlúcar de Barrameda

Nesta ruta desertara unha nave, dúas afundíranse e outra fora queimada por non haber nese momento homes para gobernala. Era o prezo que había que pagar por abrir unha ruta a especiaría polo occidente e de paso rematar a primeira volta ao mundo. Aínda así, a expedición saíra rentable só co valor da especia que chegou a Sevilla no Victoria. Vanse cumplir cincocentos anos dende a partida desta singradura.

Antón de Noia no rol da Trinidad

Pero había máis galegos na tripulación das naves que saíran de Sanlúcar de Barrameda comandadas por Magalhães. Na nao capitana, Trinidad, ía o grumete Antón de Noia; na nao San Antonio, que desertou antes de cruzar o estreito cara ao océano Pacífico, estaba Luís de Avendaño, grumete, de “Deca” (Deza ?); outro foi Rodrigo Gallego, que morreu a bordo do Victoria na travesía do océano Pacífico; tamén Gonzalo de Vigo, grumete, que xunto co despenseiro da vila da Guarda, Alonso González, desertarían na illa de Mao (Maug), preferindo un incerto destino cos indíxenas nas illas que o “inferno” que se sufría a bordo dos barcos. Nomean tamén as lista de tripulación aos grumetes galegos Rodrigo Nieto de Ourense, morto en combate na illa de Mactán, Juan Gallego de Pontevedra e a Luís de Beas (ou Veas).

A vida do grumete

Portada do libro Rumbo ao Maluco

No libro “Rumbo ao Maluco” de Xosé Agrelo Hermo podemos acercarnos a vida do personaxe nado en Noia e que tivo a sorte -ou desgraza- de embarcarse nunha das misións máis arriscadas do seu tempo. Cúmprense en 2019 uns cincocentos anos da partida dende Sanlúcar de Barrameda desta travesía comandada por Magalhães.

Agrelo escribiu Rumbo ao Maluco como se fose o diario de expedición do galego Antón de Noia, dende o embarque do mozo ata o día da súa morte, e a partires dun ficticio manuscrito atopado chamado “Diario do grumete Antón Varela”.

Seguindo os apuntamentos do libro do italiano sobrevivinte da viaxe Antonio Pigaffeta, “Relación da primeira viaxe ao redor do mundo” (1524), Agrelo pon en boca de Antón os acontecementos máis relevantes que transcurren durante a misión oceánica. Quere poñer ao personaxe saíndo da súa casa da praza Fanequeira, no casco vello da vila, e embarcando nun barco cara a Sevilla para enrolarse nos barcos de Magalhães. O narrador do diario relata en primeira persoa feitos como o acontecido durante a recalada na Patagonia para pasar a invernía, onde os capitáns Gaspar de Quesada e Luís de Mendoza, xunto con Antonio de Coca e Juan de Cartagena, se amotinaron por desacordo co mando do capitán portugués.

Antón de Noia escribindo. Debuxo de Veiras Manteiga para Rumbo ao Maluco

Unha vez reprimida este motín, Antón de Noia apunta como, diante de toda a tripulación, o piloto portugués ordea descuartizar o cadáver de Mendoza e colgar do trinquete a Gaspar de Quesada. Seguen no diario as penurias que pasa a tripulación na ruta do pacífico: “a fame e as enfermidades aumentaron ata facernos case imposible a vida a bordo, a auga tornábase marela e cheiraba a mexos de rato, as poucas galletas que se repartían estaban cheas de vermes e a froita escaseaba”. Nas últimas páxinas do manuscrito lemos como o grumete se prepara para ir ao combate de Mactán, na illa Cebú (Filipinas), onde o propio Magalhães entra en batalla para derrotar a Lapulapu, un xefe indíxena que era inimigo do seu aliado nesas terras, o xa cristianizado Humaban. Antón de Noia e o tamén galego Rodrigo Nieto, xunto con Magalhães, rematan as súas vidas na costa de Mactán, o día 27 de abril de 1521.

Avilés de Taramancos adicou un poema ao mariño de Noia, louvando a súa fazaña. Ademais, no libro Obra viva quería imaxinar que este morría ao interpoñerse na traxectoria dunha frecha dirixida ao seu capitán. Segundo o que Avilés relata en Obra viva, Pinaffeta describeu a súa morte desta maneira: “morreu segundo as testemuñas da nave “Victoria”, no encontro da illa de Mactán cando o rei de Mactán non quixo bicar as mans do rei de Zubu como obrigaba Fernando de Magalhães, e máis por mor dos tributos. Naquela emboscada o rapaz de Noia, aprendiz de navegante, deu mostra do seu heroísmo pondo-se diante do seu capitán para receber a primeira frecha.”

Recreación da morte de Magalhães en Mactán. Filipinas

Se vos acercades á vila de Noia, ide á rúa que leva o seu nome, subide pola banda esquerda do mercado de abastos, dende o Malecón de Cadarso a carón do río Traba, e chegade á praza da Fanaqueira onde estaría a súa humilde casa, na que, segundo o escrito por Agrelo Hermo, tería soñado Antón de Noia con mellorar a súa condición, coñecer terras descoñecidas e “aprender canto máis poda deste enorme mundo”.

Fontes:
Agrelo Hermo, Xosé. Rumbo ao Maluco, Graficas Sementeira, 2003. Concello de Noia.
Libro gañador ex aequo no II certame literario de aventuras Antón Avilés de Taramancos.

Avilés de Taramancos, Antón. Obra viva. Edición Laiovento, 1992.

Webs
https://www.rutaelcano.com/tripulacion
http://vcentenario.es/grumetes-y-cadetes/

Imaxe destacada

Nao Victoria cruzando o estreito de Magalhães.  Obra do pintor chileno Guillermo Muñoz Vera.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: