Mosteiro de Oia / foto turismo.gal

Pilula histórica: Oia o gran mosteiro cisterciense que naceu para dominar o Atlántico

Tempo de lectura: 2 min.

Unha gran mole de pedra esculpida localizada xusto ó pé do mar, mirando fronte a fronte ó Atlántico. Esta é unha das xoias que a herdanza cistercienciense nos deixou en Galicia, o mosteiro de Santa María de Oia. Localizado nun mínimo esteiro na longa liña recta de costa que forma o macizo da Groba. Oia inza as súas formas, románicas góticas e a súa fachada barroca de estrutura iesuítica directamente sobre o inmenso océano.

E é que Santa María de Oia é un dos grandes mosteiros de Galicia, chegando a ser, de feito, a comunidade monástica de maior importancia da diocese de Tui. Foi un centro de poder excepcional durante a idade Media e Moderna, e ata o século XIV tivo propiedades que chegaron ata o pé da propia Lisboa. Santa María de Oia ten a súa orixe no século XII, nunha comunidade monástica que se asentara ó pé do mar, e que para algúns podería remontarse ata o século VI. Mais segundo a documentación a súa fundación data do 1137.

É por iso que a súa  igrexa é románica de transición ó gótico e de grandes dimensións, como moitas outras igrexas monacais que se conservan en Galicia. O interior caracterízase pola súa simplicidade propia do ideario do Císter, destacando polas súas bóvedas apuntadas, a súa cabeceira con ábsidas rectangulares e as ricas molduras dos seus arcos. Destaca tamén polo seu retablo maior manierista, así como polas pinturas do século XVI que aínda se conservan nalgunhas zonas.

Conserva un singular claustro do século XVI e espazos monacais de gran monumentalidade. É o típico mosteiro galego de fachada en L, e a súa imaxe destaca polos altos socalcos que o separan do mar. Tristemente o mosteiro foi desamortizado e pasado a mans privadas, manténdose en semiabandono. A igrexa porén converteuse en lugar de culto para as xentes de Oia, chegando deste xeito ata o momento actual.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: