Enterro da sardiña na localidade asturiana de Laredo / Foto Laredo.es

Por que se celebra o enterro da sardiña?

En Galicia o verdadeiro protagonista do entroido é o porco. Ó redor deste totémico animal se celebran todas as grandes enchentas caseiras e festas gastronómicas ligadas a estas datas. Tamén ó redor da súa degustación xira toda un verdadeiro ciclo do calendario labrego que culmina xusto nestes días. Daquela por que unha sardiña?

Mais moitas localidades de Galicia, si asocian o porco máis que a sardiña a este día de mércores de cinza, ben co enterro dun meco, ben con enterro dalgún personaxe enchento como un lambón. Isto ten que ver como dicimos co ciclo labrego, e como durante o inverno a carne deste animal vaise convertendo progresivamente en protagonista e en sustento da familia nos meses máis duros.

O reinicio do ciclo labrego

Mais, pasado o solsticio do inverno, e pasado o tempo das antigas Saturnalias, o inverno comeza a deixar paso a pronta chegada das colleitas. O entroido é este tempo do verdadeiro cambio de ciclo, que se celebraba con grandes enchentas e ritos pagáns. Como xa comentamos noutro artigo San Antón é a festa na que se reinicia o ciclo labrego, e, ó tempo, no que comezan as celebracións de don carnal, que despois rematará co enterro da sardiña.

Meco do Concello de Satntiago / foto Concello de Santiago

A partires do mércores de cinza, e ó longo de toda a coresma, a carne estará prohibida. Co enterro da sardiña entérrase a abundancia deste tempo os excesos e a presenza da carne. Daquela a sardiña, o peixe, convértese no alimento básico durante este tempo, alomenos en moitos lugares. O peixe asóciase coa coresma e este mércores pásase do rebumbio e a ledicia do entroido, do paganismo e a carne, ó silencio e solemnidade do novo tempo representado xa co novo animal.

O prato favorito de Carlos I

Esta é porén a explicación máis sinxela, mais non a única. O feito de que en Galicia compartamos esta tradición con outras zonas da península incluso de América pode achegarnos a outras teorías non tan profundas. Para algúns o enterro da sardiña non sería outra cousa que o enterro da “cerdina”, unha tradición de Madrid na que se enterra un porco aberto en canle. Tamén se atribúe a súa orixe a unha tradición universitaria procedente da cidade de Murcia ou incluso se fala da orixe do tempo en que a sardiña era o prato preferido de Carlos I.

Pero o certo é que a pesares de non poder documentarse con anterioridade ó século XIX si aparece frecuentemente nomeado neste, como por exemplo na famosa pintura de Goya de 1812, co que é moi difícil identificar a verdadeira orixe. Porén, sexa meco, sexa lambón ou sexa sardiña ó que si é certo é que o feito de queimar o monifate, e pasar pola cinza, si nos dan conta de que nalgún tempo este día constituíu un cambio de ciclo especialmente relevante.

Unha máscara dos boteiros do Entroido de Viana / turismo.gal

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: