fbpx
Detalle dunha lámina do albume Atila en Galicia de Castelao

Queres axudar a que restos de represaliados do 1936 volvan coas súas familias?

Tempo de lectura: 2 min.

Fai máis de 80 anos do negro verán de 1936 e, aínda que sigue habendo quen non quere “abrir vellas feridas”, as novas tecnoloxías e a vontade de particulares pode permitir que algúns familiares consigan o que non se conseguiu nestas oito décadas. Este é o caso de 17 exhumacións en tres fosas do concello de Guitiriz e unha en San Vicente das Fervenzas, Aranga. Para elas a Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos do Franquismo (ARDF) pretende desenvolver un crowfunding que permita devolverlle os restos dos seus, ós seus familiares.

E é que no verán de 1936, moitos dos asasinados na zona da Coruña ou Ferrol eran enterrados en fosas comúns en pequenas localidades do interior. Este foi o caso dun cargamento procedente de Ferrol que foron enterrados nunha fosa común do cemiterio de Santa María de Lagostelle, xunto con outras tres localizacións dos actuais concellos de Aranga e Guitiriz. Dende o ano 2011 a asociación estivo a investigar ata conseguir identificar os diferentes lugares, e neste 2019, tratarán de buscar financiamento a través de crowfunding  para exhumalos.

Exhumacións de asesinados polo franquismo en Galicia / ARDF Desaparecidos

Unha vez exhumados, practicaráselles as probas de ADN e un estudo antropolóxico, para posteriormente, dignificalos a todos como vítimas do franquismo e inhumalos como corresponde. “Nós, os profesionais, non cobramos salario algún, todo o diñeiro entregado será para aloxamento de todo o equipo, manutención, compra de caixas fúnebres, materiais distintos, probas de ADN, estudo antropolóxico, e se se puidese, inhumalos, xa que os seus familiares quérenos todos xuntos, con respecto e dignidade”, indican os promotores da iniciativa.

Os traballos darán comezo o día 08 de xullo de 2019 en Santa Mariña de Lagostelle, Guitiriz,  para pasar posteriormente, exhumar dúas fosas comúns máis en Fervenzas,  A Coruña. Na páxina web da asociación poden lerse os nomes dos desaparecidos.

Estación de ferrocarrís de Guitiriz / foto HdG

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...