fbpx
Xornadas de Literatura Histórica celebradas en Verín en 2018

Queres coñecer en vivo e en Galicia aos mellores escritores de novela histórica do estado?

Tempo de lectura: 7 min.

Por Miguel Losada (Secretario SAGA)

No vindeiro mes de marzo de 2019 acontecerán as II Xornadas de Novela Histórica da Biblioteca Pública Municipal de Verín, Ourense e a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) ten a honra de colaborar de novo no desenvolvemento deste gran evento. Todo este ciclo de conferencias en torno á Novela Histórica está organizado pola Biblioteca Pública Municipal, a Concellería de Cultura do Concello de Verín, a Sociedade Antropolóxica Galega e a Asociación Escritores con la Historia.

Se nas anteriores de 2018 o Santo Graal foi o referente do programa, nesta edición serán os tesouros, os camiños cara Galicia e a turbulenta relación con Roma e o poder central os que fagan a función de artellar ó seu redor o discurso, en clave galega, das plumas convidadas.

Escribir é construír. Erguer unha realidade que xurde a partires dos materiais dispoñibles nalgures e do esforzo de reunilos e darlles coherencia. Logo de milleiros de anos de literatura de tradición oral, a escrita permitiu ampliar a escala dos primeiros “lumes de lareira” que, co tempo, mesmo chegaron a ser radioeléctricos, catódicos; e ultimamente de plasma. Outra cousa é a calidade, intención e oportunidade desta fartura contemporánea.

En calquera caso, o substantivo é o feito de que a produción e consumo de discursos é algo inevitable, unha forza moi poderosa dende calquera tempo, como os feitos demostran e o éxito da novela certifica. No caso da Historia, non son hoxe en día os manuais e o ensaio os que copan o interese por ler: Son as novelas.

Cartel das xornadas de Literatura Histórica

Boa parte desa realidade creouna o mais que cabaleiro e menos que barón, Sir Walter Scott, cas súas novelas, a partires de finais da primeira década do 1800. Estas tiveron, e teñen, un enorme éxito mundial que acadou tamén a España e Galicia, onde circularon traducións dende ese intre, ademais de producirse obras novas e autóctonas. Entre estas Ramiro, Conde de Lucena (1823) que figura como a primeira novela histórica en lingua española e El Caballero Verde (1844) do escritor galego Benito Vicetto. Esta última ten sido obxecto de edición e comentario por parte do Dr. Filólogo e Historiador galego Ricardo Polín.

Tanto as obras do escocés como as outras -ó xénero literario en realidade- xurdiron do conflito entre dous modelos de relación co poder. O Absolutismo e o Liberalismo, liberais e conservadores, Carlistas e partidarios da Raíña Isabel, sobriña do infante D. Carlos. Detrás está tamén a tensión entre o novo modelo produtivo e económico; o industrial e o capitalista, burgués, fronte ó sistema anterior baseado no control estamental do sector primario. Romanticismo, nacionalismo e imperialismo son ademais outras perspectivas que fixeron posible, e conveniente para moitos, un novo xeito de relación social co pasado: A Novela Histórica.

Esta non estivo soa naquela galerna política entre o Antigo e o “novo” Réxime. Os periodistas e os dramaturgos contribuíron tamén ó derrube dos vellos postulados de tradición feudal, autoritaria e despois absolutista. Para iso cumprían outros novos, e un deseño didáctico dos mesmos que dese cobertura ó novo sistema económico fundamentado na autonomía dos grandes emprendedores e na creación —que resultou moi literaria— dunha personaxe fundamental dende aquela: O Estado nacional. Este, como toda personaxe precisaba unha biografía que deu en chamarse a Historia das nacións, dos países…

Aquela transición do XVIII ó XIX foi tamén o tempo de G.W.F. Hegel, o filósofo historicista que instalou a idea de que as sociedades son o resultado da súa Historia e, xa que logo, a fixación desta —o discurso histórico— é a ferramenta que permitiría crear estados poboados por persoas libres, sempre e cando a vontade destas e a do estado coincidan, claro. O “proceso” histórico, sería unha manifestación transcendente orientada ó obxectivo superior da liberdade, entendida como un produto polo que, resulta “natural” pagar un prezo.

Dende aquela, e con todo este contexto apenas trazado aquí, heroes, mártires e malvados; vítimas oportunistas e verdugos, entre outros moitos, poboan incontables páxinas dun fenómeno de grande importancia para comprender a natureza e xénese do mundo no que vivimos. E por iso tamén, dende aquela, tivo razón J.L. Borges cando explicou que a Historia é unha entre as ficcións. Nun mundo coma este que santifica a novidade constante, que non cesa, proteica, aquilo que achega a seguridade do inmutable, do que “sempre foi así” é un valor en alza directamente proporcional á densidade de discursos entrecruzados. Historias ficticias e ficcións históricas. Historia con forma de ficción histórica e ficción travestida de Historia.

Escritores e expertos en literatura histórica. De esquerda a dereita; Alejandro Corral, Piñeiro Rodriguez, Noa González, José luis Corral, Aurora Preito e Calvo Poyato

Por iso, reflexionar sobre a Novela Histórica e sobre o porqué do grande interese que suscita no público, son cuestións que atinxen e interpelan directamente a calquera sociedade contemporánea. Este mes de marzo, na Biblioteca Pública Municipal de Verín, darase a oportunidade de ser partícipes e en primeira liña, desa importante parte do proceso colectivo de construción social da realidade.

Igual que na edición anterior, segue a ser certo que como afirmamos daquela: “Os e as novelistas da Historia son grandes creadores de visibilidade cultural. Existir en simbiose con seu traballo resulta de grande interese colectivo polas razóns expostas; e no caso de Galicia, unha é interacción que inda pode facerse moito mais dinámica e produtiva.”

Na SAGA entendemos que Galicia e a súa cultura deben seguir presentes no miolo dos grandes debates e discursos contemporáneos. Entendemos que propiciar esta participación é un deber e unha oportunidade para que a Historia de Galicia sexa, tamén, un factor de impulso en tódolos sentidos. A relación tantas veces simbiótica tamén entre o cinema maila literatura é un tema que xurde moitas veces. Tantas, por exemplo, como cando se formula a pregunta de que acontecería se as grandes producións internacionais realizasen guións e proxectos baseados nos contidos propios da cultura galega.

Sobre cartel deste ano pódese comentar o seguinte:

Santiago Posteguillo (Valencia, 1967) é profesor de Lengua e Literatura na Universidade Jaume I de Castellón. “Yo, Julia”, a súa última novela, rescata do esquecemento a vida e maila memoria da emperatriz mais poderosa da antiga Roma; unha muller que transformou o seu contexto e mudou o decurso da Historia para sempre.

Margarita Torres Sevilla(La Bañeza, 1969), É doutora en Historia Medieval e exerce como profesora titular desta materia na Universidade de León. É Autora de más de medio cento de artigos e relatorios; entre os seus libros podemos destacar: Linajes nobiliarios en León y Castilla (siglos IX-XIII); El Cid y otros señores de la guerra; Batallas legendarias; y el oficio de la Guerra; Enrique de Castilla. Desde hai uns anos é a Cronista Oficial de León, ademais de membro de tres Academias, entre elas a Hispano-Belga da Historia.

José Luis Corral Lafuente (Daroca, 1957). Premio das Letras Aragonesas 2017 e medalla de Plata no XXXIV Festival Internacional de Cine e TV de Nova York, dirixiu programas de radio e TV e exerceu como asesor histórico do cineasta Ridley Scott durante a realización do premiado filme: 1492. La conquista del paraíso. Catedrático de Historia Medieval, é autor de 35 ensaios. Como escritor, actualmente está considerado como o mestre da novela histórica española contemporánea, por obras como El salón dorado (1996); El amuleto de bronce (1998); El invierno de la corona (1999); El Cid (2000); Numancia (2003); El número de Dios (2004); El caballero del templo (2006); El amor y la muerte (2010); La prisionera de Roma (2011); El códice del peregrino (2012); El médico hereje (2013), El trono maldito (con Antonio Piñero, Planeta 2014), la serie Los Austrias (2016 y 2017); ou Batallador (con Alejandro Corral, 2018).

Alejandro Corral Orea. Nado en Zaragoza, 1989, é licenciado en Administración e Dirección de Empresas. Estudiou nas universidades de Zaragoza e Gdansk, Polonia, e prepara o seu doutorado en torno á inversión social responsable.

Francisco Narla . (Lugo, 1978), Escritor e comandante de línea aérea. Publicou novela, relatos, poesía, ensaios técnicos e artigos. Como conferenciante, ten participado en diferentes foros, como centros universitarios ou programas de radio e televisión. En 2009 publica a súa primeira novela, Los lobos del centeno. En novembro de 2010 ve a luz a segunda obra de ficción, Caja negra, reeditada en 2015 e traducida a varios idiomas. En 2012 sorprendeu con Assur, coa que recibe el aplauso do público e acada un posto nas listas dos mais vendidos. Ó ano seguinte presentou Ronin, pola que foi considerado como un dos mais versátiles e talentosos escritores de novela histórica do momento, xénero que ó que deu continuidade co seu traballo mais persoal: Donde aúllan las colinas.

José Calvo Poyato. Catedrático de Historia e doutor pola Universidade de Granada en Historia Moderna. A fin da Casa de Austria e maila chegada dos Borbóns á España teñen constituído a parte fundamental das súas investigacións. Porén, outros contextos históricos teñen ocupado tamén os seu esforzos literarios e de divulgación. En 1995 publicou a súa primeira novela: “El hechizo del rey” á que seguiron “Conjura en Madrid” e “La Biblia Negra”. Varias das súas obras están traducidas a diferentes idiomas. Como novelista interesado nas épocas que constitúen a súa especialidade profesional, desenvolve ademais unha especial sensibilidade cara ás mulleres que, pola súa personalidade, chamaron a a atención dos seus contemporáneos, como pode ser o caso de Catarina Sforza, protagonista de “La dama del dragón” e Hipatia de Alexandría, figura principal de “El Sueño de Hipatia”. Con “La Orden Negra” foi finalista do premio Torrevieja, en 2005.

Emilio Arias. Trobador, luthier e investigador de instrumentos medievais, naceu o 1 de decembro de 1969 en Astorga (León), aínda que actualmente reside en Pamplona (Navarra). Actualmente ten un disco titulado CANTO DE ULTREYA onde recompila música relacionada co Camiño de Santiago, fundamentalmente, romances medievais tradicionais e coplas de cego. Está gravado en directo na Igrexa do Crucifixo de Puente la Reina(Navarra). Tamén forma parte do Emsemble de música antiga do grupo ELFENTHAL (Maite Itoiz e mais Jonh Kelly).

Como moderadores e presentadores das II Xornadas van contar tamén con autores e grandes especialistas como son Antonio Piñero Sáenz. Catedrático de Filoloxía Grega da Universidade Complutense de Madrid, especializado en lingua e literatura do Cristianismo Primitivo e Manuel Mandianes Castro. Misioneiro en Colombia durante 5 años, estudou e doutorouse en Antropoloxía e en Teoloxía, en Francia, e en Ciencias Políticas, en España.

Na páxina web das xornadas creada especialmente para o caso calquera pode consultar todo o relacionado co tema e ver o vídeos das presentacións. http://www.novhis.bibliotecadeverin.es/

 

Tamén nos sitios

http://www.antoniopinero.com/inicio.html

http://leyendoenmirincon.blogspot.com/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2018/10/26/ii-xornadas-de-novela-historica-de-verin-29-e-30-de-marzo-de-2019/

 

Pode que che interese...