fbpx
Bombeiros forestas antes as lapas do gran incendio de Dodro e Rianxo / lume - CRTVG

Reflexións sobre o gran lume de Dodro e Rianxo que comezou ao pe dun castro que pretendían “deseucaliptizar”

Tempo de lectura: 2 min.

DIGNIDADE. Na primavera de 2017 a Comunidade de Montes Cruz do Avelán co apoio da AAVV de San Xoán de Laíño e ca coordinación da AC da Unidade Veciñal de Dodro, iniciaba a #deseucaliptización do castro de Bexo cunha primeira actuación na croa coñecida como “A Eira dos Mouros”. Isto supuxo a retirada dunhas 10 toneladas de eucalipto que foron sacadas manualmente dende a croa ate o lugar indicado polo arqueólogo encargado do proxecto, que as “formiguiñas” voluntarias fixeron durante unha xornada de traballo.

EXPEDIENTES. Inmediatamente o goberno do PP de Dodro inicia “expediente de reposición da legalidade” contra a Comunidade de Montes por esta actuación escudándose na lei de montes. Impide unha nova corta pola falta de arquitecto no concello que emita informes. Aínda así os veciños organizan unha xornada deseucaliptizadora consistente na eliminación de brotes en colaboración con #Verdegaia na que participan mais de 40 brigadistas na primavera de 2018.

LUMES. Este pasado 26 de marzo declárase nas proximidades do castro de Bexo, dentro do perímetro de protección que a comunidade de montes pretendía eliminar de eucaliptos,  un incendio orixinado por unha torre de alta tensión. Grazas ás labores de limpeza realizadas na croa do castro, esta parte non resultou gravemente afectada pero a propagación do lume debido ó forte vento do Nordés causou un incendio que afectou a mais de 1000 Has sobre todo no concello de Rianxo.

Vistas do río Ulla desde o castro de Bexo / XS

RESPONSABILIDADES. E agora quen é responsable deste incendio?. A empresa propietaria da torre de alta tensión obriga ós propietarios dos terreos, en este caso a CMMC “Cruz do Avelán” a limpeza das faixas por onde transcorre a liña e non pode facer plantacións en todo o seu percorrido coas conseguintes perdas económicas. As faixas estaban perfectamente libres de vexetación dende fai poucos días. Pero, a empresa fornecedora tiña a liña en perfectas condicións de mantemento? Parece que non. As obrigas son sempre para o mais débil. Cantos lumes se poden producir en Galicia debido a este tipo de incidencias? O que pasou en Dodro foi que a torre estaba á beira da carreteira e tanto as forzas da orde como os veciños puideron ver perfectamente as faiscas que caían da mesma.  

Por outro lado o goberno do concello de Dodro (PP)  impide sistematicamente, mediante expedientes, cando hai técnico municipal e non dando permisos cando non hai técnico contratado, a realización por parte dos veciños e organizacións ecoloxistas de limpezas arbustivas e talas e rozas de masa arbórea, propiciando tamén a expansión do incendio polo perímetro exterior do castro. Non quere este goberno que nada se mova en Dodro que non estea controlado por eles, aparte do nulo interese polo patrimonio arqueolóxico.

Xoán Xosé Vicente Franco é concelleiro de Unidade Veciñal de Dodro

Pode que che interese...