fbpx
Lodos mineiros nunha balsa en San Fins, Lousame / San Finx, 1960

1960, cando unha avalancha de residuos mineiros estivo a piques de arrasar Lousame e Noia

Tempo de lectura: 2 min.

Estes días estase xa proxectando o documentario “San Finx 1960“, o máis recente traballo da documentalista Irene Pin producido para o Centro de Saberes para a Sustentabilidade, institución recoñecida oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, coa colaboración de Nós Televisión.

Este traballo audiovisual reconstrúe a historia da “catástrofe de 1960” a través da memoria e voces da veciñanza de Lousame que narran como a maior das presas de decantación de lodos das minas de San Finx tivo unha falla crítica que provocou unha avalancha de residuos mineiros que arrasou co curso fluvial ata a mesma ría de Noia deixando a súa pegada durante décadas.

“Trátase dun pioneiro traballo de investigación audiovisual que se adentra no inexplorado campo da memoria histórica ambiental, poñendo no foco a ocultación durante décadas das consecuencias e implicacións ambientais de industrias como a mineira. O coñecemento do pasado é imprescindible no presente para evitar a repetición destes desastres ambientais no futuro”, apuntan os impulsores nun comunicado.

O documentario forma parte dun proxecto de educación e sensibilización ambiental impulsado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade / Centro Rexional de Educación para o Desenvolvemento Sustentábel que recoñeceu a Universidade das Nacións Unidas en 2018. O proxecto realizouse baixo o mecenado da Guerrilla Foundation de Berlín e coa colaboración de Nós Televisión, que emitirá o documentario en datas próximas.

Irene Pin xa gañou no Festival de Cine de Roca o premio á mellor curta galega con ‘Ai, Pardiñas, dásme a vida’ e ten realizado xa varios traballos de divulgación e crítica social.

SINOPSE

Lousame, 1960. Unha presa de decantación de residuos das minas de San Finx rebenta, arrastrando río abaixo lodos e áridos. Deste evento, batizado como a “catástrofe de 1960”, apenas existen rexistros escritos. Hoxe, as presas están abandonadas, en risco dunha nova rotura. A responsabilidade evaporouse. Pero o relato do acontecido sobrevive na fráxil memoria da veciñanza, ao tempo que unha nova concesionaria e a administración se empeñan en reescribir a historia.

Pode que che interese...