Lenda / foto DarkSoulsCC0

Así é o mosteiro dos grandes mestres barrocos fundado por Ruisida, unha viúva namorada

Conta a lenda que unha muller de nome Rwisuida, ou Ruisida, edificaría na periferia de Compostela, un pequeno mosteiro en lembranza do seu prometido, asasinado mentres facía o Camiño de Santiago. El, un nobre francés de nome Almerico, partira da súa terra para peregrinar a Compostela, achando a morte durante o percorrido da man dun conde inimigo que pretendera a Ruisuida. Dise que foi a altura de Burgos onde ela atopou o seu amado, decidindo continuar por el o seu camiño cara Compostela.

Segundo a lenda, Ruisinda marcada pola dor, refuxiaríase nun pequeno eremitorio feminino que refundaría en mosteiro. O eremitorio, ó pé do Sar e ás aforas de Compostela sería o mosteiro de Conxo, xerme da gran edificación actual. Alí, mandou levar Ruisinda os restos do seu amado, ficando ambos na congregación ata o fin dos seus días.

Restos do Claustro medieval de Conxo

No interior do monumento, no barrio histórico, aínda se conservan varios arcos do mosteiro medieval, que recordarían a aquela lendaria e remota fundación, descoñecidos para a maioría de veciños e visitantes de Compostela. Porén, estes restos do antigo claustro rememoran o que as fontes escritas si nos contan do mosteiro, unha fundación de Diego Xelmírez no que se estableceu un convento de monxas bieitas. Segundo unha inscrición o mosteiro sería inaugurado no ano 1129.

Un mosteiro erguido polos grandes mestres do barroco

Así continuaría ata o século XV, cando se desocuparía, xa que unha reorganización na orde bieita, unificou todos os conventos femininos da congregación en San Paio de Antealtares, onde continúan ata hoxe. Así algo máis tarde, en 1482, o mosteiro foi reocupado pola orde dos Mercedarios, que reedificaron todo o convento practicamente de novo, converténdoo tamén a partir de 1649 en Colexio Maior.

Adro do mosteiro de Conxo durante a celebración do Banquete de Conxo / foto Historia de Galicia

Os Mercedarios contaron para reedificalo cos mellores mestres de obras do barroco compostelán. Primeiro no século XVII, González de Araújo, un dos grandes arquitectos que fixo posible a sensacional igrexa de San Martiño Pinario, e máis tarde, xa na segunda metade do XVIII, Clemente Fernández Sarela, un dos grandes mestres do barroco de placas quen se ocupou da súa gran fachada das dependencias do mosteiro. Tamén se conserva no seu interior un sensacional retablo con algunhas imaxes do escultor Gregorio Fernández.

Porén o gran mosteiro sufriu de novo o abandono coa desamortización, e de novo foi baleirado de monxes. Mais o compostelán cardeal Miguel Payá creou no ano 1885 no lugar o Hospital Psiquiátrico de Santiago de Compostela, xerme do actual Psiquiátrico de Conxo, que hoxe ocupa o lugar. Hoxe o Mosteiro de Conxo é centro monumental dun dos barrios máis dinámicos de Compostela e no que conviven tanto arquitecturas históricas monumentais como novas e singulares arquitecturas.

Proxecto para o novo Conxo

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: