fbpx
Parte dun valioso manuscritos do século XIII de Bernardo de Brihuega, colaborador do Rei Alfonso X atopado en Ourense / Xunta

Atopan dous valiosos manuscritos da corte do rei Alfonso X ‘O Sabio’ en Ourense

Tempo de lectura: 2 min.

Dous valiosos manuscritos do século XIII de Bernardo de Brihuega, colaborador do Rei Alfonso X, foron localizados no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Trátase dun bifolio e unha folla solta, en castelán, das ‘Vidas e paixóns dos Apóstolos‘, de finais do século XIII ou principios do XIV e que constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra, da que ata agora só se coñecían algunhas copias tardías (desde a segunda metade do XIV ata comezos do XVI), en latín, castelán e portugués.

Os fragmentos en cuestión teñen o valor engadido de pertencer a un códice haxiográfico moi coidado, seguramente de procedencia rexia, no que se copiaría a tradución ao castelán íntegra do libro II de Bernardo de Brihuega sobre a vida e as paixóns dos apóstolos, segundo informou a Consellería de Cultura.

Neste caso, o contido conservado nos dous fragmentos correspóndese con varios capítulos da vida e paixón de Santo Tomás, San Marcos e San Andrés.Chama a atención que o bifolio fora reutilizado como capa dun libro de apeo de bens do convento feminino de Santa Clara de Allariz, único mosteiro galego de fundación real, que permite reconstruír o itinerario cultural do códice desde a corte castelá ata o territorio galego e a súa eventual difusión ao reino portugués nas primeiras décadas do século XIV.

Obra fundamental da General Estoria

A colección haxiográfica de Bernardo de Brihuega, compilada baixo o mecenado do rei Sabio, estaba composta por cinco libros sobre a historia da Salvación e dos seus protagonistas a partir do Novo Testamento.

A tradución da obra ao castelán, realizada polo propio Bernardo de Brihuega, ademais de circular como unha obra independente, fora empregada como fonte principal para a composición dalgunhas seccións da compilación universal de Alfonso X, a ‘General Estoria’.

O fragmento localizado no Arquivo Histórico demostra que a obra de De Brihuega sería difundida e traducida no Occidente peninsular.

O Arquivo Histórico de Ourense é de titularidade estatal pero está transferido e depende da Consellería de Cultura. Nos seu cinco quilómetros lineais dos seus depósitos custodia 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada. Ten a súa sede no antigo palacio episcopal.