fbpx
Óleo representando un naufraxio do século XIX

Cando a Costa da Morte afundiu dous grandes barcos nun mesmo día

Tempo de lectura: 4 min.

Madrugada do venres 28 de abril de 1911 na Costa Brava, hoxe coñecida como a Costa da Morte, dous buques naufragaron non lonxe do faro cabo Vilán. A densa borraxeira máis co mal estado do mar, foi a causa de ámbolos sinistros. Un dos buques era inglés e o outro italiano. A perda destes dous buques foi total pero non houbo desgrazas, sendo unha nota consoladora que causou satisfacción xeral ó ser confirmada.

O “Trevider”

O vapor inglés era o Trevider. Pertencía á casa Hain Steam Ship co. ltd, establecida en St Ives, Cornualles. Construírase no ano 1902 por Readhead John and sons ltd de South Shields. Procedía de New-Port, de onde partira o luns ó mediodía, e dirixíase a Palermo con cargamento de carbón. A perda do Trevider foi absoluta -2914 toneladas de rexistro neto. A eslora era de 323,5 pés, a manga media 47,10 e o puntal 23,06. Levaba 4.416 toneladas de carbón e 850 nas súas carboeiras. Mandábao o capitán William Guppy, un mariño alto, enxoito e mozo aínda.

O capitán chegara o sábado 29 nun automóbil á Coruña. Ía en compañía do primeiro maquinista Mr. Robbins. Di que non se deu conta do risco que corría o buque ata o momento en que foi enriba da Punta do Boi. Navegaba a pouca máquina, extremando precaucións a causa da borraxeira. A luz do faro Vilán, nembargantes, a súa enorme potencia quedaba completamente escurecida. O choque aconteceu sobre a unha e media da madrugada. Foi tan violento, que o capitán Guppy supón cas rochas deberon desfacer gran parte da quilla.

Os 27 homes da tripulación subiron rapidamente á cuberta e lanzaron dous botes á auga. Non tiveron tempo material para recoller nada. Roupas, cartos, papeis, todo ficou a bordo.

Como o Trevider afundíase por momentos, o embarque nas dúas pequenas embarcacións fíxose en menos de 10 minutos. Algúns tripulantes embarcaron case nus, en camiseta e pantalóns, tal como estaban deitados ou como traballaban nas máquinas. Apenas se separaron do costado do barco, este fendeuse e estremeceuse todo, como si se partise en dúas grandes metades. Ergueuse de popa e mantívose así algún tempo sobre as penas.

Descoñecendo en absoluto os náufragos a paraxe onde se atopaban, optaron por permanecer preto do buque, coas luces aínda prendidas dos mastros. O vento do Oeste molestaba bastante, así como os continuos chuvascos. O estado do mar non era malo ó acontecer o naufraxio, agravouse despois. A ondada foi violenta e contribuíu no pouco a esnaquizar o buque. A noite foi de proba. Unha ou dúas horas despois do sinistro escoitaron os náufragos o son bronco dunha serea de vapor. O mesmo tempo detonaban e lucían no ar foguetes de cores.

O F.C Ciampa

Era o buque italiano que a unha milla de distancia acababa de naufragar tamén. Os seus tripulantes pedían socorro. Impotentes para prestárllelos, os homes do Trevider mantivéronse angustiados á expectativa, esperando a que amencese. Cando alboreaba e as contornas da costa comezaron a debuxarse, fixeron rumbo cara a paraxe onde pediran o angustioso chamamento. Puideron ver entón que un vapor de bandeira italiana, o F.C. Ciampa, encallara no baixo Teixedor. A tripulación abandonárao e o barco ía pouco a pouco afundíndose nas augas. Como nada tiñan que facer alí, apresuráronse a tomar terra. Distaba moi pouco e o desembarco foi doado. Cando desembarcaron, o Trevider estaba somerxido case por completo. Instantes despois as ondas cubrírono de todo. Camiñando por terras quebradas e orientándose dificilmente, puideron chegar a Camelle. Alí foron socorridos pola veciñanza e atendidos amablemente na estación de salvamento.

Trevider”

O naufraxio do vapor F. C. Ciampa, aconteceu con pouca diferenza de tempo ó do Trevider, e por razón idéntica, a borraxeira. O Ciampa era un buque construído en 1897. Tiña 3582 toneladas de rexistro e pertencía á casa N. Odero & Co. de Xénova. Medía 340,05 pés de eslora, 45,08 de manga e 19,08 de puntal. Mandábao o capitán V. Marezca, a súa tripulación constaba de 25 homes máis. Dirixíase de Cardiff a Xénova con cargamento de carbón.

Despois do choque, e unha vez persuadido o capitán de que a situación era desesperada, ordenou o abandono do buque. Antes disparara foguetes de sinais e fixo soar a serea de vapor para tentar o derradeiro recurso en petición de auxilio. Nos botes do buque fixeron unha viaxe penosa, chegando á parte Norte do cabo Vilán, preto do lugar da Arnela. Tres botes tripulados por varios homes pedían auxilio a grandes voces. Escoitados os berros e obedecendo os ditos tripulantes ós sinais e indicacións que dende o faro lles fixeron, puxeron todo o seu afán en aproximarse á Arnela, único punto de fácil acceso para o desembarco.

Dende terra, e a salvo dunha morte segura, grazas ó auxilio tan oportunamente prestado polo torreiro encargado, D. Antonio Jiménez, os seus compañeiros e algúns operarios que traballaban no faro; foron obxecto os 31 náufragos dos maiores coidados e de boas atencións cos elementos de que dispuña o faro. Nunha habitación do mesmo déuselles un refrixerio e proporcionáronselles roupa, pois estaban arrexidos. Unha vez fortalecidos e un tanto tranquilizados, expresou o capitán do Ciampa os seus desexos de marchar a Camariñas, coa fin de presentarse ás autoridades da Mariña e telegrafar á casa armadora.

Viaxe a Camariñas

En vista da actitude decidida dos tripulantes, o torreiro maior dispuxo que dous dos seus compañeiros acompañaran a aqueles ata a vila de Camariñas, facéndolles entrega ás autoridades dos homes salvados e dun oficio dirixido ó axudante de Mariña desta vila. Tamén aquí foron socorridos por esta filantrópica veciñanza e as súas autoridades.

O F. C. Ciampa afundiuse co importante cargamento de 7.500 toneladas de carbón. O capitán do vapor formulou perante o cónsul inglés a conseguinte protesta polo naufraxio.

O vapor Villano, da Sociedade de Salvamentos Marítimos da Coruña, partira na mañá do sábado 29 de abril de 1911 para Camelle e Camariñas, co obxecto de recoller ós náufragos. Esperándoos o domingo 30, como tamén debía entrar na bahía da Coruña o vapor Furis Bismarck, procedente da Habana, nel embarcarían as tripulacións inglesa e italiana, que seguirían a viaxe a Plymouth.

O salvamento dos dous buques; Trevider e F. S. Ciampa, era imposible. Se acaso, algo poderían extraer os buzos materiais do casco. Merecen eloxios os bos servizos prestados en obsequio ós náufragos polo activo representante da Lloyd na Coruña, Sr. Hervada, e por todos os funcionarios da Sociedade de Salvamentos.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...