fbpx
Henge --estrutura do Neolítico- de Lavandeira / Mariña Patrimonio

Esta é a historia dun desleixo de Patrimonio que provocou que se botaran 13.000 m3 de terra sobre un henge neolítico

Tempo de lectura: 2 min.

A estrutura circular, ou henge, de Lavandeira, en Xove, xa pode volverse a apreciar logo de que se retiraran os 13.000 metros cúbicos de terra que o sepultaran. Foi en 2015 cando Mariña Patrimonio descubriu esta estrutura circular neolítica e solicitara a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Tras a inspección do lugar, o Servizo de Patrimonio redactou unha ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC, quedando este lugar unicamente como “referencia”.

Cando Mariña Patrimonio descubriu este sitio arqueolóxico,  a metade da estrutura circular fora  xa sepultada por terras do corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Lamentablemente, o estudo arqueolóxico elaborado para a realización deste corredor non detectara o xacemento arqueolóxico.

Trala comunicación destes feitos á Dirección Xeral de Patrimonio por Mariña Patrimonio, en 2017 realízanse catas que confirman a existencia dun xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce. Agora a Xunta ben de licitar por 212.000 euros as obras para retirar a terra acumulada sobre este ben patrimonial.

Círculo lítico tipo henge atopado en Lavandeira, Xove / Mariña Patrimonio

“Triunfo”

“A asociación Mariña Patrimonio considera que conseguir que se revirta esta agresión e que se restableza a estrutura arqueolóxica ao seu estado anterior é, sen dúbida, unha moi boa noticia para o patrimonio e un triunfo para todas as persoas que intentan defendelo. Mais tamén ve unha certa derrota ao comprobar a reiterada incapacidade institucional para artellar políticas eficaces de protección do patrimonio“, destaca a entidade nun comunicado.

Así, destaca que, o feito de non ter detectado a estrutura circular de Lavandeira, que era facilmente visible, tanto nas fotografías aéreas coma sobre o terreo, “proba que non se actúa todo o ben que se debería”. “Ademais cómpre ter en conta que corrixir este erro vai custar 212.000€, que saen dos petos de todos”, engade.

Mariña Patrimonio aproveita para chamar a atención sobre a información que aparece na  ficha do inventario da estrutura circular, na que os técnicos da Conselleria de Cultura sosteñen que  a “mesta vexetación que cobre a zona impide apreciar o grao de conservacion desta estrutura”. “Sorprende que a pesar da vexetación  puideran ver o recinto circular, que ten “unha altura duns 80 a 90 cm”, engade.

Pode que che interese...