fbpx
Portada de Gloria Victus, un dos libros de banda deseñada de Javi Montes

Javi Montes, ilustrador: “A historia está chea de elementos xa cociñados nos que mergullar personaxes”

Tempo de lectura: 5 min.

Javi Montes é un dos grandes ilustradores galegos. Estudou Deseño Gráfico na Escola de Artes Pablo Picasso e durante uns anos compaxinou labores de ilustración e deseño. Despois de traballar en Bren Entertainment, facendo storyboards e deseño de produción para animación, estableceuse como ilustrador independente e fundou con outros ilustradores o estudo Baobab.

Desde entón traballa facendo ilustración editorial, publicidade e principalmente cómic, como debuxante ou colorista; como colorista colaborou coas principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Lle Lombard.

É un dos principais convidados para o II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, un evento que terá lugar en Lugo entre o 25 de abril e o 5 de maio, e que organiza este portal, Historia de Galicia, xunto con Demo Editorial, a principal editorial de banda deseñada de Galicia.

O ilustrador e autor de cómic Javi Montes / corunagrafica.com

Como ves o panorama da banda deseñada en Galicia?

Moi boa en canto a creadores pero practicamente inexistente como industria. Vexo unha etapa moi activa da autoedición, co festival Autobán e fanzines como Altar Mutante, propostas interesantes de narración mais experimental como as que edita Fosfatina, algunha incursión na BD por parte de Xerais e a recente aposta da Mesa pola normalización Linguística coa sua revista de BD A Viñeta de Schrödinger. Tal vez a aposta mais constante que vexo dende hai uns anos é a de Manel Cráneo con Demo editorial.

Cres que os motivos históricos teñen tirón entre os lectores?

Penso que interesa tanto a historia pura e dura, documental, pola curiosidade polo noso pasado ou o de outras culturas, como as ficcións ambientadas en outras épocas ainda que sexan con personaxes ou elementos ficticios. As conductas humanas son similares ao longo dos tempos. Hai historias de amizade, amor, envexas ou guerra en tódalas épocas, pero son as circunstancias, as ambientacións ou os roles e costumes os que enriquecen o relato. A historia está chea de elementos xa cociñados nos que mergullar as personaxes.

Ti tes colaborado coas principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Foi duro chegar ata as principais editorais de banda deseñada do mundo?

No meu caso non moito porque fun da man doutra xente que xa tiña un pe dentro. O axente David Macho, no caso do mercado americano e guionistas e debuxantes como Jacky Goupil, Tirso Cons ou Mateo Guerrero no caso do mercado franco-belga. Na meirande parte das veces, entro como colorista en proxectos que están, como mínimo, medio vendidos. Si que me parece mais complicado vender algo dende cero porque por cada proxecto que se acepta hay moitos que quedan polo camiño.

Con todo, es un dos poucos ilustradores que te estás facendo un nome no mercado internacional. Por que é tan difícil vivir da banda deseñada en Galicia e en España?

No caso do resto de España pasa un pouco como comentaba do panorama da BD galega, non hai moitas apostas editoriais, e parece que tampouco moitos lectores. Si que hai moita edición de obra importada pero non tanta de obra propia. Temos editoriais, como Astiberri, que apostan pola publicación de obra española e son activos na venda de dereitos ao estranxeiro. Ademais, non moitos autores acadan as vendas para vivir dunha edición española. E os autores que queren buscar unha saída profesional buscan editoriais en mercados estranxeiros. Nos últimos 15 anos o número de autores que están a traballar para o mercado franco-belga ou estadounidense creceu moito. Algúns incluso están conseguindo entrar en mercados tan herméticos como o xaponés.

E como cres que se podería evitar esa emigración dos ilustradores?

Non sei se actualmente se debería falar tanto de emigración como de exportación. Os creadores traballan desde as súas casas, estudios ou, se me apuras, cafeterías, con clientes en todo o planeta. Internet, o traballo dixital, e, últimamente, a chegada das tabletas portátiles, favorecen moito isto. Desde este punto de vista, non creo que sexa algo a evitar. Pode ser interesante traballar por facer edición no pais, tanto para favorecer un tecido industrial como por tratar temas mais próximos ou por escribir na lingua de cada un. Tendo en conta que o mercado parece reducido, hai editoriais que apostan por outras formas de negocio, como Spaceman project co uso do micromezenazgo.

Unha das ilustracións de Javi Montes

Como ves o mercado editorial actual da banda deseñada?

Moitas mais publicacións pero con vendas mais axustadas. Hai tempo leín un artigo no que se comentaba que a burbulla de publicacións do mercado francobelga estouparía baixando o número de publicacións ou reducindo os adiantos dos autores. Creo que me da máis medo a segunda opción.

Dígocho por se notas que as novas xeracións, que nacen xa conectadas a Internet, están mudando os hábitos de consumo?

Iso tamén. Hai mais medios cos que competir. As redes sociais, os videoxogos, a nova época dourada das series de TV… Semella que todo pasa por una pantalla, e o mercado editorial se resiste a adaptación ao dixital. Hai apostas polo comic online, pola venda en dixital ou por formatos de suscripción cun catálogo amplo, como está pasando coa música ou a televisión, pero parece que, polo de agora, a xente segue a preferir o papel para leer banda deseñada.

E estades os ilustradores preparados para ese novo mundo dixital?

O mundo dixital xa non ten tanto de novo, polo menos no referido á produción. Eu xa levo traballando mais de 20 anos en dixital e agora os que traballan en analóxico son minoría, sobre todo para traballos a cor. Outra cousa e o que falabamos da edición. Parece que hai un escollo no cambio de formato, pero o mundo dixital trae consigo moitas máis ferramentas para que un autor poida prescindir de intermediarios. Redes sociais e sitios web visibles no mundo enteiro, ferramentas de micromecenazgo, etc.

Viñetas do ilustrador Javi Montes

De feito, ti tamén tes traballado en Bren Entertaiment, ques que a animación pode ser un camiño de futuro para os novos ilustradores? 

Un camiño de presente! ilustración ou deseños para animación, pero tamén, por exemplo, para imaxe real ou videoxogos. O 3D é unha ferramenta con moitas saídas, tanto as específicas, creando elementos en 3D, como usado como proceso intermedio para facilitar a creación de ilustracións.

Neste II Encontro de Banda Deseñada estarás na Escola de Artes impartirás unha mastercllas sobre o proceso de cor para banda deseñada. É tan importante a cor na ilustración?

Tendo en conta que a ilustración é un medio visual e que vemos o mundo en cores, diría que é unha das ferramenta máis importantes na caixa do ilustrador. A cor pode engadir información sobre un obxeto, pode crear ou acentuar unha atmósfera, pode dirixir a mirada, pode recordarnos unha época. A cor ten, ademáis, como a música, unha cualidade abstracta que asociamos con estados de ánimo, con sentimentos. Iso se nos cinguimos ao que normalmente entende a xente por cor, que son as paletas de diferentes tonos, porque eu entendo que a luz, ainda que sexa representada con brancos, negros e grises, e parte intrínseca do traballo de cor.

Ademais, axuda a vender libros!

E falando das Escolas de Artes… Como ves o futuro da profesión?

Cheo de opcións. Pode que algúns mercados, como o da BD ou a ilustración cambien neste mundo de pantallas, pero a producción e consumo de imaxes aumenta cada día. Videoxogos, realidades virtuais e aumentadas, series e películas, apps, etc. As escolas precisan estar atentos aos cambios e facilitar a formación para novos entornos. Neste momento hai máis ilustradores que nunca formándose en escolas ou de xeito autodidacta. Afortunadamente, nun mundo que cada vez se automatiza máis, os traballos creativos seguen a ser feudo dos humanos

Pode que che interese...