Gravados nun fito en Outeiro de Rei / Xabier Moure

O enigma dos menhires gravados e a cristianización dos lugares pagáns

Dende o ano 2015, o investigador Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos nas parroquias de Aspai, Martul e Parada, no concello de Outeiro de Rei (tamén coñecemos algunha lindando coa parroquia de Camoira, no concello de Lugo) , varias penas gravadas cuns enigmáticos símbolos, todos de tipoloxía semellante. Trátase dunha figura formada por un círculo superior do que, pola parte inferior, parten unhas liñas verticais e, nalgúns casos, unha semicircunferencia que ascruzan.

O primeiro que nos chamou a atención é que estes gravados se atopen insculturados en penas moi ben traballadas fincadas no chan, tipo menhir, nas inmediacións de campos de mámoas; nalgúns esteos que forman a cámara megalítica dun dolmen; e en afloramentos rochosos formando conxunto con petroglifos prehistóricos.

Gravados que se fixeron para cristinazar lugares pagáns / Xabier Moure

Hipóteses

Postos a dar co significado das pedras en si, barallamos diversas hipóteses: que se tratara de pedras-fitas (menhires) prehistóricas, de marcos de término xurisdicionais, ou que delimitaran o couto dun desaparecido mosteiro erixido arredor do século X que algúns autores sitúan na parroquia de San Xoán de Parada. Calquera das conxecturas podería ser válida.

Agora quedaba o significado dos insólitos gravados. Fóra dos límites do concello de Outeiro de Rei, que nós saibamos, este tipo de representacións non teñen paralelismo con outras da provincia de Lugo, e posiblemente de Galicia.

Puxémonos a buscar algunha pista, por moi pequena que fose, que nos achegara algo de luz. Só atopamos dúas. A primeira nun artigo do sacerdote e director do museo diocesano don Jesús Guerra Mosquera, publicado no ano 1978 no Boletín da Comisión provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo, que fai referencia a un destes gravados situado nun dos esteos da cámara megalítica dun dolmen erixido nos montes de Parada. Escribe don Jesús que sinalizaría o enterramento dun xefe de tribo ou clan. O círculo representaría o sol nacente e a mámoa circular que acollía as cinsas dese xefe; a raia situada baixo o círculo, así como a semicircunferencia, poderían representar á divindade e aos danzantes asistentes ao acto e baile sagrado, e incluso á lúa. 

A segunda referencia atopámola na revista Croa do ano 1995, no artigo Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos, dos investigadores Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, que non se pronuncian sobre o seu significado, indicando que podería tratarse do chanto dun dolmen reutilizado logo como marcoNós, mesmo barallamos a posibilidade de que se tratara de representacións esquemáticas do corpo humano. Cómpre aclarar que este dolmen é o único do concello de Outeiro de Rei declarado Ben de Interese Cultural (por certo, en estado total de abandono), obtendo esta distinción, precisamente, por contar con este gravado; lémbrese que, segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, todas as insculturas rupestres son, xa de por si, BIC. 

Escrito no que se explica a orixe destas gravuras nas pedras / Xabier Moure

O enigma

Sen máis madeixa que desenlear, deixamos o asunto, á espera de atopar no futuro algunha evidencia que nos permitira formular algunha outra hipótese, ou incluso aclarar o significado dos gravados. A sorte, e tamén a insistencia, todo hai que dicilo, sorriunos. Hai uns meses chegou ás nosas mans un documento sobre deslindes das parroquias de Aspai, Martul e Parada, do día 31 de xullo de 1856, feito ante o Comisario de Montes y Plantas de la Provincia de Lugo, don Félix de Carballo y Salgado. Á hora de facer o deslinde, grávanse uns símbolos sobre penas situadas en distintas partes. É eiquí onde salta a lebre. O documento é esplícito canto ao que representan as gravuras: “insignia del Santísimo Sacramento” (literal), é dicir, representan a custodia ou viril onde, na relixión católica, se coloca a hostia despois de ser consagrada para expoñer ante os fieis. Tempo despois demos con outro documento dun preito do ano 1865, entre Bartolomé Saavedra e Francisco Serra por unhas lindes entre Aspai e Parada que nos achega outro dato curioso. Ao nomear un marco aclara que a custodia gravouse para “proteguelo en lugar pagano“. Lembramos que petroglifos, mámoas e castros foron considerados secularmente como sitios paganos; así nolo transmitiu no século VI San Martín de Dumio no seu De correctione rusticorum, contra os costumes ancestrais que aínda pervivían entre os galegos.

Non ía descamiñado o sacerdote don Jesús Guerra Mosquera xa que a custodia representa un sol, agás que el o interpretaba como un símbolo pagano, cando en realidade trátase dun símbolo cristián.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: