fbpx
Debuxo de republicanos nun campo de concentración

O horror fascista: Coñece os grandes campos de concentración do franquismo

Tempo de lectura: 3 min.

O xornalista e investigador Carlos Hernández de Miguel documenta no seu último libro a existencia de case 300 campos de concentración franquista, 11 deles en Galicia, polos que calcula que pasaron entre 700.000 e un millón de persoas.

Tras pescudar a presenza de prisioneiros españois do réxime nazi na súa anterior obra, ‘Os últimos españois de Mathausen’, o especialista aceptou “o desafío” de indagar sobre unha realidade que sofre “un esquecemento programado pola ditadura e non corrixido durante a democracia”.

O autor investiu tres anos nesta investigación, na que se atopou varios “problemas”, xa que “houbo unha destrución masiva de documentación e a que hai que se atopa moi dispersa, posto que non houbo unha verdadeira política archivística seria do Estado español con recursos económicos e humanos”, relata. A pesar de todo, tras visitar decenas de arquivos, lugares e falar algúns dos poucos sobreviventes que quedan, identificou 296 campos de concentración oficiais, abertos noutras tantas cidades e pobos españois.

Un total de 11 destes grandes campos están en Galicia. O autor contou coa axuda de historiadores e investigadores gallegos, como Lourenzo Fernández Prieto -impulsor do proxecto ‘Nomes e Voces’-, Xesús Santos, Carlos Méixome, Víctor Manuel Santidrián ou Xesús Costa.

Mosteiro de Oia / foto turismo.gal

Campos de concentración en Galicia

Os grandes campos facistas en Galicia son os seguintes:

Santa María de Oia.  Situado no antigo mosteiro. Chegou a congregar a 3.000 prisioneiros durante os últimos meses de 1937 e febreiro de 1939.

Camposancos ( A Guarda). Situado no Convento e Colexio das Xesuítas de Camposancos chegou a albergar a máis de 2.000 internos a pesar de que a súa capacidade oficial era de 868 homes. Funcionou de xullo de 1936 a novembro de 1939,

Leiro. Situado no mosteiro de San Clodio estivo a funcionar durante abril de 1939.

Betanzos. Situado na fábrica de curtidos Echeverría, chegou a albergar a 2.000 prisioneiros desde agosto de 1937 até, polo menos, maio de 1939.

Cedeira. Situado nunha antiga fábrica de salgaduras xunto á praia, aloxou a máis de mil presos cando a súa capacidade non chegaba ás 200 persoas. Estivo en funcionamento desde outubro de 1937 até novembro de 1938.

Ferrol. Situado nas naves do Dique, permaneceu en funcionamento desde xullo de 1936 até, polo menos, abril de 1939.

Muros. Houbo dous campos na localidade. Un na fábrica de salgadura, situada xunto á praia de Rocha, e nas naves da conserveira Vieta, moi próxima ao faro de Rebordiño. Abertos desde outubro de 1937 até, polo menos, febreiro de 1938.

Padrón. Estaba na azucreira da parroquia de Santa María de Iria e albergou máis de 1.700 prisioneiros. Funcionou entre decembro de 1937 e abril de 1940. Foi o último campo de concentración galego en pechar.

A illa de San Simón, na ría de Vigo, foi un importante cárcere franquista / mardeons.es

A Pobra do Caramiñal. Houbo dous campos que tiveron certa autonomía. O de maior duración abriuse na conserveira coñecida como O Pozo. Tiña unha capacidade oficial de 1.000 prisioneiros e funcionou durante o 1939. O segundo, situado nunha conserveira da zona do Areal, xa recibía prisioneiros en abril de 1939.

Rianxo.  Estaba nunha fábrica de salgaduras, pertencente á familia Goday .O recinto chegou a ter unha capacidade de 2.000 prisioneiros. Operou, polo menos, desde outubro de 1937 até, polo menos, decembro de 1939.

Santiago de Compostela.  Estaba nunhas vellas naves situadas xunto ao aeroporto de Lavacolla. Tiña capacidade para 2.000 prisioneiros. Funcionou desde marzo de 1939 até novembro dese ano.

San Simón

Aínda que non o recolle no seu libro Carlos Hernández de Miguel, quizais unha das grandes prisións de republicanos de Galicia foi o da Illa de San Simón. En funcionamento desde pouco despois do inicio da Guerra Civil, estivo en funcionamento ata 1943 e por el pasaron miles de prisioneiros, primeiro de distintas zonas de Galicia, e despois, co fin da guerra, de distintos puntos de España.

Pode que che interese...