fbpx
Recreación de Xullo César comandando o Exército Romano / acercatealassociales.blogspot.com.es/

Queres coñecer os segredos do Lugo romano e os mitos e lendas da Terra de Trives?

Tempo de lectura: 2 min.

Coa idea de recuperar ese patrimonio oculto que atesoura Galicia o proxecto de turismo histórico Rutas de Historia, pon en marcha a súa terceira xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.

Esta iniciativa, que este portal web, Historia de Galicia, puxo en marcha en 2017 vai xa pola súa terceira edición. E, este ano, os roteiros serán en primaveira e en outono .Serán duas visitas á cidade de Lugo e a San Xoán de Ríos, na Terra de Trives. O primeiro deles terá lugar este 4 de maio en Lugo para descubir esa cidade romana oculta entre as pedras da cidade.

Visita a Lugo

Foi durante as guerras cántabras, entre os anos 25 e 19 a.C. o Imperio Romano estableceu un campamento militar nun cumio á beira do río Miño, un emprazamento estratéxico que lles permitía continuar a súa conquista do noroeste, o territorio que co tempo se convertiría na provincia da Gallaecia. Ese campamento militar considérase a orixe da cidade de Lucus Augusti, fundada entre os anos 15 e 13 a.C. por Paulo Fabio Máximo, legado do emperador César Augusto.

Nesta ruta por Lucus Augusti, a cidade máis antiga de Galicia, seguiranse as pegadas dos soldados percorrendo toda a muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade, única muralla romana no mundo que conserva íntegro todo o seu perímetro, de aproximadamente 2.200 metros. E tamén eses grandes monumentos e templos que agocha a actual cidade de Lugo baixo as súas pedras.

Excálibur, a espada sagrada / blagstinews

Visita a San Xoán de Ríos

A seguinte ruta, xa o día 18 de maio, percorrerá unha parte do Concello de San Xoán de Río, na Terra de Trives, en Ourense. As poboacións de Cerdeira, Reboledo, Domecelle e Móuruás, serán coma illas dentro dun periplo por un mar de rebolos, carballos e castiñeiros. Mergullados nel, percorrerase un milenario camiño, que logo chegou a ser vía militar na época romana, que uniu o noroeste galaico co resto das estremas atlánticas continentais. Nesta andaiana os participantes mergullaranse por unha terra que forma parte do mais sobranceiro do solar galaico.

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio. Estas dúas rutas de primavera estarán guiadas por Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e por Lidia de la Fuente, Guía Oficial de Turismo de Galicia e impulsora do proxecto Camiños con Arte.

Máis rutas en outono

Rutas de Historia ten previsto a realización de máis andainas históricas polas catro provincias galegas en outono. O obxectivo é ir fixando na poboación a idea de que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea. Animádevos e participade nesta nova xeira de andainas históricas. Máis información na web www.rutasdehistoria.gal

Pode que che interese...