fbpx
Escavación nos Conventos, na Pobra do Brollón, onde se cre que existe un antigo mosteiro na Ribeira Sacra / Adegas da Memoria

Á procura dun mosteiro desaparecido que podería ser a orixe histórica das remotas terras da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 2 min.

No lugar dos Conventos, na parroquia de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, poderían estar as orixes históricas da Ribeira Sacra e dos seus coñecidos viños. Iso, polo menos, é o que cre un equipo que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán –oriundo deste concello– que o pasado luns comezou a escavar no que cre que son os vestixios dun mosteiro medieval desaparecido.

O lugar, coñecido como Ribeira do Val dos Frades, preto da canle do Sil, ten moita tradición oral. De feito, xeracións de veciños sitúan nesta zona o antigo mosteiro. De aí a rica e alusiva toponimia que existe relativo a un antigo convento. Por iso, os arqueólogos comezaron os traballos no vestixio máis visible do edificio desaparecido, que consiste nun muro perimetral de notable grosor que rodea o recinto onde levan a cabo as escavacións.

Distintas edificacións

No seu interior hai unha serie de cubículos pechados por muros de até dous metros de altura, cuxa finalidade por agora se descoñece. Con todo, suponse que estas construcións puideron ter diversos usos ao longo da historia. Os exames que se realizaron na superficie do terreo suxiren que no lugar existiu un edificio de dimensións monumentais que posteriormente foi reaproveitado para construír terrazas vitícolas e outras edificacións relacionadas con esta actividade.

Un dos indicios que localizaron os arqueólogos é unha pedra de pesa de lagar que os veciños de Vilachá atoparon hai algunhas décadas nos Conventos e que foi levada ao centro da localidade. “Esta pedra é unha pista de que nalgún momento neste lugar elaborouse viño, posiblemente antes da construción do conxunto de adegas tradicionais de Vilachá”, di o arqueólogo Xurxó Ayán.

Mosteiro San Martiño de Piñeira

Os investigadores manexan a hipótese de que unha parte destas construcións pertenza a un mosteiro chamado San Martiño de Piñeira, cuxa existencia se coñece soamente por algúns documentos históricos. Un deles foi redactado na corte do rei Alfonso VII no século XII. “Oos lindes que aparecen en dito documento apuntan a que podería estar non Val dos Frades”, sinala Ayán.

Os traballos que levan a cabo nesta campaña arqueolóxica serán difundidos nunha serie documental emitida en Internet dentro do proxecto Adegas da Memoria, que promoven a asociación veciñal de Vilachá, o Concello da Pobra do Brollón e o Instituto de Ciencias do Patrimonio. Dentro desta serie emitiranse tres episodios dedicados ás escavacións dos Conventos.

T2/Ep.1 O Mosteiro Perdido from Adegas da Memoria on Vimeo.

Pode que che interese...