Danos de maquinaria pesada a unha mámoa de Paderne / Xabier Moure

As cortas de eucaliptos, principal motivo dos danos ao patrimonio galego

Tempo de lectura: 1 min.

Outra corta de eucaliptos provocou danos a un enterramento megalítico. En Historia de Galicia levamos publicado numerosas noticias sobre este tipo de agresións ao noso patrimonio que, nos últimos tempos, están aumentando sen que as administracións fagan nada para remedialo.

Desta volga é a Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal a que denuncia os danos sufridos por varios enterramentos megalíticos que foron recentemente afectados por unha corta de eucaliptos nas parroquias de Adragonte e Vigo, en Paderne.

No caso do túmulo de Porto dos Carros e Monte da Rampla 1 na parroquia de Santiago de Adragonte,  a corta de eucaliptos foi recente e produciu danos evidentes. A segunda destas mámoas xa se atopaba parcialmente destruída pola construción dunha estrada. Na do Cal do Pico, xa na parroquia de San Xulián de Vigo, mais situada a poucos metros das anteriores, non foi recente e novos eucaliptos están a medrar por riba dela.  

Estes monumentos megalíticos, que foron descritos polo Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos e dados a coñecer no Anuario Brigantino de 2015, atópanse nunha zona rica en xacementos, próxima ao impresionante núcleo de mámoas do Monte de San Antón, xa no termo municipal de Irixoa, co que fan conxunto. Estas últimas mámoas, ao contrario que as de Paderne, atópanse coidadas e visibles nunha zona onde se combinan as explotacións forestais e gandeiras.

“A conservación e posta en valor dos monumentos megalíticos, á parte do seu valor histórico e identitario, débese converter nun recurso cultural de primeira orde nun concello onde a aposta polo sector turístico de calidade debe ser clave”, sinala esta entidade que destaca que se dirixirá aos responsábeis autonómicos e municipais para que estes “inestimables elementos patrimoniais” sexan catalogados e postos en valor.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: