fbpx
Novo castro atopado en Láncara / Patrimonio dos Ancares

Descuberto un novo castro en Láncara preto dunha necrópole megalítica

Tempo de lectura: < 1 min.

O día 27 de maio de 2019 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo castro no concello de Láncara. Trátase dun castro moi evidente que, a pesares de figurar nalgunha cartografía, non está catalogado por Patrimonio nin aparece no PXOM do Concello.

O Castro ou A Croa, como así se coñece, atópase próximo á aldea de Vilarello de Abaixo, parroquia de Vilarello, a 510 metros de altitude. Semella un círculo case perfecto, duns 90 metros de diámetro. Está defendido en todo o seu perímetro por unha potente muralla precedida por pronunciados terrapléns que polo exterior conserva tramos que acadan máis de 4 metros de altura e 2,5 metros polo interior. O recinto amurallado está arrodeado por un foso cunha anchura duns 5 metros. 

Situado nunha carballeira, semella que o interior do recinto foi reutilizado noutro tempo para labores agrícolas (quizais para cereais) o que conlevou que polo oeste perdera parte da muralla, posiblemente para facilitar o acceso, o que non impide que se atope en aceptable estado de conservación.

A pouco máis de 500 metros de distancia está o Monte das Medorras, cunha necrópole formada por cinco mámoas. Nesta parroquia hai outros tres castros catalogados: A Poza Grande, A Penela e o Monte das Penas. No concello coñécense uns 35 castros en desigual estado de conservación. As coordenadas son x: 632472 – y: 4752667 . O achado xa foi comunicado a Patrimonio para que procedan a súa catalogación.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...