Danos de maquinaria pesada a unha mámoa de Paderne / Xabier Moure

Outro enterramento megalítico afectado por unha corta de eucaliptos en Paderne

Unha mámoa sen catalogar foi afectada por unha nova corta de madeira de eucalipto nos montes das aldeas de O Casal e Areas, na parroquia de Adragonte, concello de Paderne. Ademais, descubriuse un novo enterramento megalítico tamén en Paderne e un castro sen catalogar no concello da Capela.

A do Casal puiden documentala a raíz dunha tala de eucaliptos no coñecido como Monte Pequeno. É de considerables dimensións, cun diámetro aproximado de 25 metros e unha altura de un metro. Sobre o túmulo obsérvanse uns profundos sucos producidos por maquinaria pesada ao facer a tala e retirada das árbores. Tamén se aprecia un antigo cráter central de violación, ocasionado por actuacións furtivas para buscar posibles “tesouros”.

Coordenadas de situación: x: 571628 – y: 4793710

A segundo mámoa, a de Areas, atópase no Monte do Penedo. Ten un diámetro aproximado de 17 metros. Tamén se observa un cono central de violación. Coordenadas de situación: x: 570568 – y: 4794143

Aspecto dunha mámoa tras a corta de eucaliptos en Paderne / Xabier Moure

Sen catalogar

Consultado o Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia (PBA), comprobei que as dúas están sen catalogar. Tampouco figuran no PXOM do Concello de Paderne. Tanto no catálogo da Xunta como no do Concello só consta unha mámoa inventariada en todo o municipio. Trátase da mámoa da Medoña, no Covelo, tamén na parroquia de Adragonte, que xa non existe porque foi totalmente destruída no ano 2009.

Resulta chamativo que en todo o concello de Paderne non figuren máis mámoas catalogadas, e polo tanto protexidas, xa que hai anos o Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos localizou, ao menos, 12 enterramentos megalíticos sen inventariar distribuídos polas zonas de Souto, Velouzás, Adragonte e Vigo.

Xa rexistrei un escrito dirixido ao Servizo de Xestión Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo na Coruña para que as visiten e procedan á súa catalogación para que sexan protexidas.

Vista no Sicpac dun castro na Capela que está sen catalogar / Xabier Moure

No mesmo escrito tamén lle comunico a existencia dun castro que figura sen catalogar no concello da Capela. Trátase do castro de Bertoña, situado sobre o río Belelle. Ten forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 115 por 75 metros, defendido en todo o seu perímetro por unha muralla. Chama a atención que un castro tan evidente, que mesmo figura na cartografía, non apareza recollido no Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia e tampouco no PXOM do Concello da Capela. Tanto no PBA como no PXOM só figura catalogado o castro do Cruceiro da Porta, na parroquia de Caaveiro.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: