Carpintería de ribeira de Francisco Fra, en Cervo, un dos poucos artesáns que se adica a esta arte en Galicia / XS

Por fin se protexe unha arte milenaria en perigo de desaparición: a carpintería de ribeira

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Xunta declarou este xoves as técnicas construtivas da carpintería de ribeira como ben de interese cultural (BIC) do patrimonio cultural inmaterial de Galicia. O obxectivo é preservar os sistemas tradicionais e recoñecer o valor sobranceiro na conformación da identidade do pobo galego desta técnica para construír embarcacións de madeira.

Na actualidade as embarcacións tradicionais son conservadas en portos galegos grazas ao esforzo dos seus propietarios e ás técnicas dos carpinteiros de ribeira que manteñen a súa actividade viva en Galicia. Trátase dun conxunto de saberes que é transmitido de forma tradicional, de xeración en xeración e de persoa a persoa. Ademais, o saber desta técnica construtiva é na actualidade a única ferramenta para manter vivas embarcacións que pertencen á historia pasada e presente do país e que non poderían seguir en uso ou ter futuro sen eses coñecementos.

Así, co obxectivo de garantir a investigación, protección e promoción desta técnica ligada á historia e á cultura de Galicia, o decreto establece que se deberán tomar medidas específicas de salvagarda entre as que se inclúen a creación dun órgano de xestión ou a promoción dun censo de embarcacións tradicionais, barcos históricos de Galicia e mestres carpinteiros.

Curso de Carpintería de Ribeira no Cetmar / Cetmar

Recoñecemento e documentación

Segundo informa a Xunta nun comunicado, o órgano de xestión estará composto por un máximo de nove membros que acrediten o seu coñecemento da materia, aínda que a súa composición poderá ser variada no futuro. Entre as súas funcións destacan, entre outras, propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros, embarcacións tradicionais e barcos históricos; transmitir coñecementos técnicos; colaborar na elaboración de censos; validar documentos técnicos; informar e valorar riscos; documentar outras manifestacións do patrimonio cultural inmaterial que estean relacionadas co patrimonio marítimo, ou recoñecer singularmente modelos de embarcacións como tradicionais galegas ou barcos históricos.

Para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, a Consellería de Cultura e Turismo xestionará un censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, de rexistro voluntario, no que as embarcacións serán anotadas, despois do informe do órgano de xestión ou dos informes técnicos que correspondan, que avaliará a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos.

O devandito censo, entendido como unha sección do Censo do Patrimonio Cultural, conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual, e completarase cando menos con dúas fotografías significativas da embarcación (unha en seco e outra navegando).

Ademais, a Xunta tamén promoverá a inclusión dos mestres carpinteiros de ribeira e das carpintarías no Censo do Patrimonio Cultural, con especial interese naquelas en que se siga a manter a actividade tradicional, así como aquelas en que, a pesar de ter sido abandonadas, existen elementos de interese para a salvagarda. Tamén poderán ser obxecto desta medida de salvagarda os espazos portuarios relacionados coas embarcacións tradicionais e as súas actividades.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: