fbpx
Ataque dun lobishome nun gravado do século XVII

Un percorrido pola antiga Nemetóbriga e polas terras dos grandes lobishomes de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

O proxecto Rutas de Historia, impulsado por Historia de Galicia, vai este sábado ás terras de Trives. Os e as interesadas aínda están a tempo de apuntarse. Alí, da man de Miguel Losada, da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) os participantes poderán coñecer o fogar dos antigos galaicos e dos mitos que involucran a seres fantásticos e sobrenaturais. “Só podo dicir que poden aparecer bestas prodixiosas e seres alados xigantes. Tanto duns coma doutros compre velarse. Por sorte temos algún santo e mesmo unha divindade á que iremos visitar para que nos protexa”, chancea Losada nesta entrevista.

Rutas de Historia volve a Trives, a camiñar por unha vía milenaria que foi vía romana. Que nos atoparemos neste roteiro?

Ben, pos nesta ocasión camiñaremos pola marxe do Val do Navea pertencente a San Xoan do Río. Saíndo da Casa do Comediante achegarémonos un pouco mais á fascinante historia do Comediante, un artista cunha extraordinaria historia e capacidade que foi natural desta casa e territorio. A súa peripecia vital serviranos para comezar a poñer en contexto e coñecer mellor unha das mais sobresaíntes paisaxes de Galicia e que, de feito, está oficialmente declarada Paisaxe Narural Protexida no noso país. Despois seguiremos camiño e descubriremos como e porque esta vía de comunicación milenaria é, en realidade, moito mais antiga que a cidade mesma dos césares. Ese período foi apenas un intre na complexa e rica historia desta xeira que atravesa acerna mesma da antiga Gallaecia.

Paisaxe nevado de Trives / Miguel Losada

E que ten de importante esa vía. Por que pasa polo corazón de Galicia?

Pois posiblemente un dos seus acenos culturais mais importantes sexa o feito de que percorrela significa pousar os pes sobre o solar da Nemetóbriga que citan as fontes antigas e que servía de lugar de agregación dos tres grandes espazos históricos e culturais do vello noroeste da Península. Este camiño, e dentro del este tramo, atravesa efectivamente ese corazón paisaxístico e cultural galaico cuxo coñecemento a apreciación debería facer parte da educación sentimental de calquera persoa que ame Galicia maila súa cultura. En certo sentido esta terra é algo equivalente ó Delfos galego, e nesta edición imos explicar o porque desta afirmación.

Trives, terra de encanto e terra de fronteira. Que oculta esta comarca que é a antiga porta de entrada a Galicia?

A Terra de Trives, a dos Tiburos da antigüidade, é un antigo territorio natural e histórico que dende tempos prehistóricos artellou as tres grandes unidades políticas e culturais do Gran Noroeste. Denominación esta, apócrifa, mais que eu propoño para designar, hoxe, á suma do espazo cultural e político que en tempos e durante séculos foi designado como Galicia. Esas tres territorios son os coñecidos logo como a Bracarense, a Lucense e a Asturicense. Nesta parte de Galicia sobre a que medrou o Nemetum sacro, a fraga sagrada da Nemetobriga, confluíron aqueles espazos diferenciados. Iso fai desta área un lugar moi especial, xa que mesmo hoxe lindan aquí as dióceses de Ourense, Astora e Lugo. Por toda Europa, hai uns cantos lugares que levan o mesmo nome. O principal atributo destes lugares é o de seren considerados “o centro” daqueles países. Por exemplo, Cesar informa de que o centro da Galia prerromana era o Nemeton dos Carnutes; outro tanto acontecía co nemetum dos Nemeti, á beira do Río Rhin, na parte da Renania e Palatinado, en alemania. Entre outros varios lugares do continente. Véñenme estes á mente polo feito de que desta zona do Rhin proveñen tamén os suevos que logo chegaron a Galicia a fundar o Galiciense Regnum e, curiosamente, un obxecto moi especial atopado neste concello de San Xoán de Río ten moita relación precisamente con ese lugar do medio de Europa, como veremos neste percorrido. En fin, esta Terra ten unha dimensión oculta enorme e inda por descubrir.

Excálibur, a espada sagrada / blagstinews

Hai dous anos tamén percorremos estas terras á procura de Excálibur. É unha ruta de mitos. Podes adiantar algúns deses mitos polos que atravesa o roteiro?

Ben, non quero destripar moito mais antes de tempo, pero si que podo dicir que outra das figuras históricas e míticas, que tentaremos recrear perante nos será a do lobishome Manuel Blanco Romasanta, cuxa peripecia tivo moito que ver tamén nesta terra e camiños. En xeral, a licantropía é outro dos atractivos —un tanto gore, iso si— desta parte de Galicia. Unha das poucas onde mesmo a toponimia fixa e emprega o termo.

Se antes comentei a presenza contidos moi célticos como o de nemetóbriga, neste roteiro imos seguir por ese camiño cultural e poñer de manifesto outros mitos que involucran a seres fantásticos e sobrenaturais propios dese mundo e que tamén serven para tender pontes cara o resto das tradición europeas. Solo podo dicir que poden aparecer bestas prodixiosas e seres alados xigantes. Tanto duns coma doutros compre velarse. Por sorte temos algún santo e mesmo unha divindade á que iremos visitar para que nos protexa.

E haberá lendas tamén?

Si, como non? algunha delas está relacionada co que acabo de comentar, mais tamén haberá un intre para lendas pasadas e modernas. Unha implica a un ser real, un enxeñeiro alemán, que cada vez vaise facendo mais mítico; outra ten que ver cunha aventura que lle aconteceu ó demo cando ía por este camiño, Santiago e mesmo Roldán estiveron por aquí ou cando menos así o quere a tradición. E quen son eu para discutirlle algo á tradición?

Camiñaremos entre fragas e carballos centenarios. A natureza é parte esencial deste camiño, non?

Si, absolutamente. Dixen antes que este é unha das dúas únicas paisaxes naturais protexidas de Galicia, se non me engano, e foi a primeira en ter sido declarada. Este roteiro ten tamén o obxectivo de evidenciar o porque dese recoñecemento. Tanto a xeoloxía como outras áreas do coñecemento do medio natural han ser tamén neste día unhas personaxes mais.

Algún consello aos que queiran vir a este roteiro?

Dende o punto de vista práctico, eu recomendo sempre levar un calzado axeitado; neste caso un que non sexa novo, senón xa usado e apertar correctamente os cordóns, xa que o percorrido ten tramos de baixada nos que as dedas poden mancarse. Compre tamén levar algo de abrigo e protección para a choiva, que parece que tamén vai vir connosco. Non se trata dun percorrido complicado e ademais temos a sorte, de que grazas ó Concello de San Xoán de Río está previsto un despregue dun equipo de Protección Civil. Polo demais, as recomendacións son as propias de calquera saída ó monte.

Pode que che interese...