fbpx
Pena de Murias, en Navia de Suarna, onde apareceu unha inscrición romana Xúpiter / Patrimonio dos Ancares
Pena de Murias, en Navia de Suarna, onde apareceu unha inscrición romana Xúpiter / Patrimonio dos Ancares

Aparece unha inscrición romana a 1.125 metros de actitude en honor a Xúpiter

Tempo de lectura: 3 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares ven de documentar unha interesantísima inscrición gravada en pedra onde se ve a palabra latina IOVI, clara referencia ao deus Xúpiter, a deidade principal do panteón romano que na mitoloxía era considerado como o pai dos deuses. 

A súa localización foi posible grazas á información dun veciño que hai tempo falou ao colectivo dunhas “penas con letras” existentes no sitio.

Atopárona na Pena de Murias, na parroquia de Rao, concello de Navia de Suarna, un gran afloramento de cuarcita situado a media ladeira da Serra do Brañal, a 1.125 metros de altitude, asociado a unha explotación mineira de época romana que se levanta na marxe dereita do río de Murias, a carón do camiño que vai cara a Braña de Pandozarco e do Porto de Ancares.

<p”>A singularidade desta inscrición estriba en que está gravada sobre unha pedra non traballada previamente. A maioría das epígrafes de época romana gravábanse sobre as coñecidas como aras, pedras consagradas á unha divindade que teñen unha forma aproximada de paralelepípedo rectangular. Que nós saibamos, en Galicia, gravadas en pedras sen traballar, o número de exemplares de época romana limitábase, ata o presente, a tres exemplares na provincia de Ourense: unha inscrición en Nogueira de Ramuín onde se le “Sicenata Pacata”, outra nos cóvados do Larouco xunto o río Bibei, e outra máis no castro de San Cibrán de Las, en San Amaro; nestas últimas tamén figura inscrito o nome de IOVIS e IOVI respectivamente. Por outra parte, nas aras as inscricións facíanse para pedir ou agradecer algo á divindade (aras votivas) ou para lembar a unha persoa falecida (aras funerarias). Pero eiquí o nome da deidade aparece só, o mesmo que no castro de San Cibrán de Las.

Inscrición romana en honor a Xúpiter atopada en Navia de Suarna / Foto patrimonio dos Ancares

Campamento militar romano

A presenza romana nesta zona de Navia de Suarna debeu de ser moi importante. A uns 2,5 quilómetros atópase o campamento temporal de época romana da Recacha. Hai uns anos uns veciños de Murias amosáronnos varios muíños circulares, tamén romanos, que atoparon ao arar a terra en dúas leiras situadas a uns 800 metros da inscrición. E non moi lonxe da Pena de Murias (a uns 600 metros en liña recta) tamén está o afloramento rochoso coñecido como a Pena dos Garabatos, clara referencia a algún tipo de gravados que, aínda que polo de agora non puidemos localizalos, as informacións orais que recollemos falan de símbolos e letras insculpidos. Cómpre lembrar que só nos concellos de Navia de Suarna e Cervantes documéntanse máis de 120 explotacións mineiras de época romana, a maioría destinadas á extracción de ouro, máis da metade situadas nas inmediacións da Vía Romana XIX.

Muíños atopados no entorno da Pena de Murias, en Navia de Suarna / Patrimonio dos Ancares

Lenda carlista

Por último, a Pena de Murias está asociada, ademais de a tesouros custodiados polos mouros, a unha lenda acontecida durante as Guerras Carlistas do século XIX. A presenza carlista durante a primeira guerra (1833-1840) foi relativamente importante no concello de Navia de Suarna e na comarca dos Ancares xa que contaban co apoio dos fidalgos e dos cregos do rural, producíndose varios soados episodios que aínda perduran na memoria da xente. Cóntase que cando unha partida carlista fuxía das forzas liberais, e por medo a que estas se apoderaran do tesouro que levaban, decidiron agochalo na Pena de Murias. A pesares de que posteriormente foron moitos os que o buscaron, ninguén logrou dar con el. Iso si, asegúrase que o tesouro está escondido no único lugar da pena dende onde se divisa o campanario da igrexa parroquial de Santa María de Rao.

A inscrición, ao estar gravada nunha pedra durísima, a cuarcita, consérvase en bastante bo estado.

O achado xa foi comunicado a Patrimonio da Xunta de Galicia.

Pode que che interese...