fbpx
Mámoa convertida nun silo de lixo agrícola / Xabier Moure

Así está o noso pratrimonio: Unha mámoa convertida nun depósito municipal de plásticos, rodas ou colchóns

Tempo de lectura: 2 min.

No mes de xuño de 2016, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares denunciamos a construción dun silo para depositar plásticos agrícolas, rodas, colchóns, etc. sobre a mámoa número 1 da necrópole de Peredelo (catalogada co código GA27018007), na parroquia de Lamas de Moreira, no concello da Fonsagrada (límite con Navia de Suarna), e que tamén afectaba aos túmulos 2 e 3 (catalogadas cos códigos GA27018008 e GA27018048, respectivamente).  Denuncia que repetimos, ao non solucionarse o problema, no mes de febreiro de 2019 xa que, por riba, ademais do vertedoiro de lixo produciuse unha tala de piñeiros na zona con paso de maquinaria pesada sobre a mámoa.

Este maio recibimos contestación do Servizo de Xestión Cultural (antes Servizo do Patrimonio Cultural) da Consellería de Cultura e Turismo en Lugo sobre as actuacións que levaron a cabo, indicándonos que os técnicos inspeccionaron o sitio arqueolóxico os días 31 de xaneiro de 2017, 1 de febreiro de 2017, 20 de agosto de 2018, 6 de marzo de 2019 e 16 de abril de 2019, comprobando que, efectivamente, o enterramento número 1 estaba a ser utilizado recurrentemente como vertedoiro de lixo, afectando tamén á área de protección das medorras 2 e 3.

Mámoa no ano 2016, xa afectada por unha plantación de piñeiros / Patrimonio dos Ancares

Segundo Patrimonio, en datas 3 de febreiro de 2017 e 23 de agosto de 2018, requiríronlle ao Concello da Fonsagrada que adoptase as medidas necesarias para a retirada dos verquidos de lixo e impedir, así, a degradación destes bens arqueoloxicos. Dinnos no escrito, que no Servizo de Xestión Cultural en Lugo nunca tiveron resposta do Concello sobre os presuntos responsables nin sobre as medidas adoptadas. Pola resposta recibida enterámonos que en febreiro de 2017, agosto de 2018 e marzo de 2019 requiriron a colaboración do SEPRONA da Comandancia da Garda Civil de Baralla que identificou ao Concello da Fonsagrada como presunto responsable desta lamentable actuación.

Á vista dos informes, tanto dos técnicos da Xunta de Galicia como do SEPRONA, dende o Servizo de Xestión Cultural en Lugo remitíronlle á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago o expediente de denuncia para que inicien os trámites para a incoación dun expediente sancionador ao responsable dunha infracción en materia de patrimonio cultural, neste caso, presuntamente, o Concello da Fonsagrada.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...