fbpx
Guerrilleiros que operaron en Galicia, León e Asturias

Así foi o inicio e o final da última gran república independente dos guerrilleiros en Galicia

Tempo de lectura: 7 min.

Houbo un tempo no que toda Galicia pasaba medo, fame e temía diariamente á morte. Unha morte que viña de súpeto, sen avisar, agochada entre uniformes da Garda Civil, o Exército e La Falange. Cando esa morte petaba ás portas, todos sabían o final. A morte acompañaba aos elixidos nun longo paseo do que non voltaban xamais.

Pero houbo unha república independente poboada por cidadáns libres que non lle temían a esa morte cruel e escura. En realidade, non lle temían a ningunha morte. Os seus habitantes coñecíana ben e sabían como enfrontarse a ela. Esa república independente estaba situada a 1.200 metros de altura, nun dos lugares máis afastados de Galicia, nunha fronteira natural e simbólica entre León, Zamora e Ourense rodeada de fragas mestas e montañas case impenetrables.

Esa república independente chamábase A Cidade da Selva. Tivo unha vida efímera, pero deixou unha fonda pegada en toda a comarca de Valdeorras. Chantada nos montes de Casaio, este anaco de territorio libre poboado por anarquistas, socialistas, troskistas, nacionalistas e comunistas chegou a albergar a 150 persoas que fixeron das fragas o seu hábitat natural.

“Eran os donos do monte. Nós sabiamos deles e eles de nós, pero todos viviamos en paz”, di Fermín. Aos seus 83 anos, este veciño de Casaio lembra perfectamente a vida de moitos destes guerrilleiros aos que chegou a coñecer ben porque levaba diariamente ás ovellas e cabras aos vales da Bruña e das Morteiras.

Fermín, veciño de Casaio, que conviviu cos guerrilleiros da Cidade da Selva / XS

O proxecto de Sputnik Labrego

Desde hai dous anos un equipo de arqueólogos do proxecto Sputnik Labrego, co soporte do INCIPIT e da Xunta, están escavando esas vivendas en busca de probas. Un traballo que non sería posible sen a impagable axuda da Comunidade de Montes de Casaio. Uns veciños, algúns con vínculos directos cos feitos que alí aconteceron hai 80 anos, e uns investigadores que queren reconstruír a vida e os últimos momentos dese estado independente dentro do estado fascista de Franco que era a Cidade da Selva. E, polo momento, os achados que están atopando evidencia a importancia deste enclave guerrilleiro.

Restos do campamento dos guerrilleiros, ou maquis, na Cidade da Selva / Sputnik Labrego

Precisamente, A Bruña e As Morteiras son os epicentros desta república independente. Alí chegaron a construír máis de 15 edificacións que durante os últimos anos foron catalongado os membros de Sputnik Labrego. Había habitáculos máis grandes e outros máis pequenos. Algúns facían de vivenda, outros de almacéns e ata había un que facía de hospital improvisado. Estas cabanas, ou “chozos” como son coñecidas polos habitantes do lugar, quedaron abandonadas e estaban case perdidas… ata agora.

Nas distintas fases de escavación comprobouse que eses chozos non eran refuxios feitos dun día para outro, senón auténticas edificacións, con paredes de pedra compactada, tellados e mesmo división de habitáculos. Eses eran os máis consistentes, porque tamén se sabe da existencia doutros feitos en madeira, dos que apenas quedan restos.

Os arqueólogos descubriron, nas súas escavacións como ían vestidos –atoparonse correaxes militares– e o que comían e bebían. Atoparon restos de potadas de carne e mesmo unha botella de anís. “Estaban perfectamente organizados, con comida suficiente, para pasar os longos periodos de invernía”, destaca o arqueólogo Mario Fernández, do equipo de Sputnik Labrego. De feito, cren ter descuberto algún edificio que podería ter feito de despensa. O propio Fermín lembra terse cruzado con algúns guerrilleiros “que ían con bestas cargadas ata arriba de provisións”.

O equipo de arqueólogos de Sputnik Labrego con Fermin / XS

Como se creou esa república independente

Os investigadores fixeron xa unha reconstrución do que pasou na Cidade da Selva. Logo da victoria do fascismo no conxunto do estado español, moitos republicanos, comunistas, socialistas, anarquistas e nacionalistas botáronse ao monte. Entre xullo de 1936 e xullo de 1940 nos montes de Casaio, en Valdeorras, está a principal base de operacións da Federación da Guerrila en Galicia, tal e como apunta Alejandro Rodríguez, un dos investigadores principais de Sputnik Labrego.

Nos primeiros momentos da guerra coinciden en Casaio grupos bastante definidos. Era xente de Valdeorras e a zona do Bolo, fuxidos que non participaron na guerra e non chegaron a Asturias, pero que teñen un compoñente político claro, nalgúns casos foron concelleiros nas corporacións municipais de 1936. Cando triunfa o golpe, bótanse ao monte para sobrevivir.

Meses despois da caída da Fronte Norte chegan os primeiros grupos de milicianos que participaran nela, tanto do Bierzo como de Valdeorras. Van xuntándose e mesturándose para formar diferentes grupos guerrilleiros. E entre decembro de 1939 e xullo de 1940, prodúcese a chegada de dous grupos asturianos para unirse a esta confluencia, dende a militancia de base á estrutura militar, dando idea á Federación de Guerrillas de León-Galicia.

MIna de Wolframio de Casaio / XS

A organización

E como foi posible que tal número de guerrilleiros puidera resistir á imparable maquinaria de guerra do franquismo?. Alex teno claro; “a unidade, a disciplina e unha boa organización”. Na federación, e dada a diversa procedencia dos guerrilleiros, estaba prohibida a propaganda partidista. Todos procuran a fin común que é loitar contra o fascismo. Unha unidade que fixo posible que esa república independente se mantivera libre do xugo fascista.

Tamén Fermín, o veciño de Casaio, aporta outros datos; “eles andaban ao seu. Aquí non se metían con ninguén. As súas cousas facianas fóra de Casaio. “Só nunha ocasión mataron a xente de aquí. Eran unha nai e o fillo que tiñan unha tenda. Apareceron os dous cun tiro. Nunca se soubo que puido pasar pero, todos cren que os mataron por informantes da Garda Civil”, sinala. Curiosamente, nin esas mortes, nin outras noutras zonas, mobilizaron aos efectivos da Benemérita destinados en Casaio, onde había un pequeno cuartel. Segundo Fermín, había coma unha especie de trégua entre os guerrilleiros e os gardas civís. Uns e outros sabían como atoparse, pero ignorabanse. Ao fin e ao resto, todos vivían na mesma república independente.

O equipo do Sputnik Labrego estivo dúas semanas escavando algunhas dos chozos onde vivían estes guerrilleiros, ademais de facer distintos sondeos e investigacións no Teixedal de Casaio e nas minas de Wolframio, cuxa actividade retomaron os alemáns en 1940. Porque o ecosistema de Casaio era tan variado e variopinto que chegou a albergar, no mesmo tempo, e a poucos quilómetros de diferenza, unha república independente de guerrilleiros antifranquistas e unha mina controlada por teutóns da Alemania nazi de Hitler, que utilizaba a presos republicanos como escravos. E no medio de todos eles, o pobo de Casaio, espectador privilexiado deste teatro bélico que foi a Europa de principios dos 40.

Francisco, o vicepresidente da Comuidade de Montes de Casaio, e un dos máis entusiastas defensores deste proxecto de recuperación da memoria histórica. Coñece a zona de estudo como ninguén e, ademais, aporta datos e historias familiares fundamentais para entender o que aconteceu neste val perdido das montañas de Ourense. El mesmo tivo un familiar que estivo fuxido na guerrilla e mozeou con outra guerrilleira. Os dous acabaron cun tiro na cabeza, xunto con outro veciño, os tres de Casaio.

Membros da Comunidade de Montes e veciños de Casaio / XS

O final

E non foron axusticiados pola Garda Civil, ou polos falanxistas, senón polos propios guerrilleiros. Foi a mediados dos anos 40, cando a II Guerra Mundial tocaba ao seu fin, cando tamén comezou o declive da Cidade da Selva. Un final que tivo dous protagonistas; o Partido Comunista, que comeza a impoñer a súa lei e orde dentro da Cidade da Selva coa chegada de cadros curtidos na loita contra os nazis que non dubidan en asasinar aos que non acatan as súas ordes, e tamén polas operacións da Garda Civil.

Pistola dos guerrilleiros atopada nas escavacións da Cidade da Selva, en Casaio / XS

En xullo de 1946, un destacamento da Benemérita localiza e remata cunha partida de guerrilleiros que operaban en Ponferrada. A partir de entón, e coa documentación e as torturas, conseguiron dar cos distintos enlaces dos guerrilleiros, desde Ponferrada ata Casaio, separadas por máis de 50 quilómetros. E a rede de cobertura dos antifascistas foi caendo paseniñamente ata que chegou á propia Cidade da Selva.

Sabedores de que xa non había escapatoria e de que se preparaba un gran operativo, con dúcias de gardas e militares, os guerrilleiros deciden deixar todo e fuxir. Ás presas e en pequenos grupos cruzaron os duros montes de Trevinca para perderse por León e Asturias. Tan precipitada foi a súa saída que os arqueólogos mesmo atoparon revólves ciscados no chan. “Marcharon precipitadamente e tiraron aquilo que non lles valía ou para o que non tiñan munición”, apunta o arqueólogo Carlos Tejerizo.

Fermín lembra máis gráficamente o que aconteceu; “había moito movemento. Andaban os gardas nerviosos. Mesmo chegou un avión que deu varias pasadas polas Morteiras e A Bruña… Despois diso, non se soubo máis deles”… Ata hoxe.

 

Agradecementos: a Francisco, César e Alba, da Comunidade de Montes de Casaio; David, Jesús, Zaida e Irene, de Casaio, a Fermin, a Mario e ao resto do equipo de Sputnik Labrego pola súa grande amabilidade na elaboración desta reportaxe.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...