Ilustración dunha sauna castrexa / capítulo cero

Atopan unha das saunas castrexas mellor conservadas de Galicia, pero podería volver a taparse

Tempo de lectura: 2 min.

As obras de saneamento do Porto de Arriba, no Castro da Atalaia, no Concello de Cervo, sacaron á luz a pasada semana un interesante achádego; unha sauna castrexa que podería ser unha das mellor conservadas das atopadas ata agora en Galicia. Pero, a súa posta en valor pode estar en perigo.

Segundo informa o Xornal da Mariña, a empresa de arqueoloxía contratada para revisar os traballos de substitución das canalizacións de fibrocemento por outras de PVC ocuparase nos vindeiros días da elaboración dun informe sobre a importancia arqueolóxica do xacemento, que remitirá tanto á Consellería de Cultura como ao goberno local cervense.

O director de Axa ArqueoloxíaEmilio Ramil, non ten dúbidas sobre “o interese” dos restos, que confirma como unha sauna castrexa. “Non segue o modelo típico e ademais houbo reformas, como en moitos outros edificios, pero existe un monólito que se corresponde cunha pedra formosa e restos dun banco corrido, dun tanque e dun forno” que reforzan a principal hipótese de traballo, expón o especialista.

Dificultades para conservar o xacemento

Ao longo dos últimos días, o equipo de Axa Arqueoloxía continuou coa compilación de imaxes para completar o material de estudo e tamén se realizaron traballos de topografía. Os resultados do dossier orientarán ás Administracións autonómica e local, que decidirán sobre a viabilidade da posta en valor dun xacemento que está ubicado nun espazo urbanístico. Pero o informe non terá valor vinculante.

Sauna castrexa atopada no Castro da Atalaia, en Cervo / XdM

A posta en valor deste interesante achado está en perigo porque na zona se quere facer unha canalización de augas. Ademais, está situada nunha vía de único sentido, o que, segundo o concello, impediría que fora escavada na súa totalidade.

“Entendemos que o tránsito rodado na rúa é incompatible coa promoción deste sitio arqueolóxico, así que seguramente ese sería o principal problema a resolver. En todo caso, procederase á catalogación do atopado e agardaremos a que sexan os arqueólogos os que indiquen o seu valor, para buscar con Patrimonio e coa veciñanza unha solución de consenso en función dos datos“, expón o rexedor, o popular Alfonso Villares.

De confirmarse o achádego que os arqueólogos dan por feito, a da Atalaia sería a sexta sauna castrexa atopada en Galicia, nun singular estado de conservación, cunhas alturas da estrutura nada comúnspróximas nalgunhas estancias aos catro metros entre o tellado e a soleira.

Ademais de en varias zonas de Portugal e Asturias, este tipo de edificacións documentáronse en Borneiro (BergantiñosA Coruña), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Cedeira e en EspasanteOrtigueira.

Desde 2008, a partir dos testemuños da veciñanza sobre unha antiga escavación realizada nos anos 70 por Eduardo Chamoso Lamas, e da consulta a especialistas, a asociación Mariña Patrimonio defendeu a teoría de que elevación de San Cibrao gardaba unha sauna castrexa e instou a Patrimonio a poñer en valor o xacemento.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: