Pezas atopadas do galeón de Ribadeo / galeonderibadeo.com

Buscan protección para o galeón de Ribadeo, o buque da Armada Invencible mellor conservado do mundo

Estes días rematou a segunda cata arqueolóxica do galeón de Ribadeo, o Santiago de Galicia, un buque da chamada Armada Invencible de Felipe II, que afundiu no 1597 fronte a localidade lucense.

Malia que o pecio está considerado o buque de guerra español do século XVI mellor preservado do mundo, o director da escavación, Miguel San Claudio, fai fincapé na necesidade de evitar o “visible” deterioro do xacemento, polo que propón “medidas de control” que pasan pola “monitorización” do estado do barco.

“Se se despraza, o barco queda exposto. Hai que controlar periodicamente a evolución futura do pecio”, resalta o arqueólogo nunha entrevista no Xornal da Mariña, que precisa que os organismos biolóxicos están a alterar o xacemento, pero que o elemento erosivo máis preocupante “son as correntes das mareas, que deixan o buque ao descuberto”.

Restos do galeón de Ribadeo, que tería participado na Armada Invencible / galeonderibadeo.com

Distintas campañas de investigación

De feito, a primeira parte da investigación centrouse no lastre e serviu para recoller elementos da cultura material do xacemento e identificar a orixe do barco no sur de Italia. Ademais, documentouse a presenza de carballo peninsular na súa construción, o que leva a pensar aos arqueólogos en rutas comerciais para o subministro de madeiras que, á altura do século XVI, terían suposto unha protoglobalización. Na segunda parte da escavación, os arqueólogos centráronse na quilla do barco, na zona da carlinga ou pau maior.

Os mergullos ofreceron algúns datos sobre a construción do mesmo. “O primeiro que podemos dicir é que a nivel construtivo houbo unha coidada selección de madeira, cunha estrutura moi lograda“, indica San Claudio, que lembra que se está a estudar “algo do que non se ten información, como son os buques de guerra hispanos da época”.

Máis infraestrutura

San Claudio asegura que para unha terceira cata, o desexable é “establecer unha infraestrutura” para dotar á investigación dunha continuidade, isto é, a creación dun “grupo de traballo estable”, cun lugar concreto e coa participación dos especialistas que traballaron nas dúas primeiras escavacións, procedentes da Universidade de Texas, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Trinity Saint David de Gales e de Southampton. Máis no Xornal da Mariña.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: