fbpx
Petróglifo do Monte Castelo, en Ames / Concello de Ames

Irmandamento de Galicia e Irlanda grazas aos petróglifos

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Ames, integrado no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, realizou no pasado mes de febreiro un irmandamento entre unha das principais zonas arqueolóxicas do Val da Maía, representadas a través dos petróglifos de Monte Castelo e Peneda Negra cos petróglifos de Milltown e Aghacaribble na península de Dingle en Irlanda.

Con este irmandamento preténdese iniciar a necesaria proxección internacional da arte rupestre na comarca de Santiago e intercambiar información sobre boas prácticas na xestión do patrimonio arqueolóxico a través dos petróglifos, como elementos milenarios dun pasado común na costa atlántica de Europa durante a Idade de Bronce.

Deste xeito, o concelleiro en funcións de Educación e Cultura e responsable municipal da área de Patrimonio Histórico, así como membro do Consello de Dirección do Parque Compostela Rupestre, David Santomil, visitou en febreiro a península de Dingle, no Condado de Kerry (Irlanda), para dar a coñecer os petróglifos de Ames e establecer vínculos de colaboración no estudo da arte rupestre entre ambas localidades.

Isabel Bennett e Debbi Lewang, xunto con Luis Lecler visitaron Ames para coñecer de primeira man os petróglifos do Val da MaíaPetróglifo de Mourigade, en Ames

En dita viaxe, David Santomil realizou un encontro institucional con membros do Udaras na Gaeltachta en Dingle, seguida da visita ao Museo e ás estacións arqueolóxicas máis importantes da rexión. Unha viaxe que tivo a súa réplica esta semana cando os membros Museo Arqueolóxico de Dingle, Isabel Bennett e Debbi Lewang visitaron Ames para coñecer de primeira man os petróglifos do Val da Maía. Xunto co concelleiro en funcións de Educación e Cultura, David Santomil, e Luís Leclere, do Colectivo A Rula, visitaron os petróglifos da Pedra da Nave, en Mourigade, e de Monte Castelo, en Covas.

Patrimonio arqueolóxico

O concello de Ames conta con verdadeiras xoias arqueolóxicas, con petróglifos como o de Oca, ou a Nave, situada en Mourigade na parroquia de Bugallido. Ademais, na área rupestre de Ventosa atópanse tres conxuntos de petróglifos: o de Monte Castelo, Peneda Negra e Campo Redondo.

Para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Ames e doutros municipios da comarca compostelá, os concellos de Ames, Santiago, Brión, Teo e Val do Dubra e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración para crear o Parque Compostela Rupestre. O convenio establece a cooperación para promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre nas cinco localidades. A través do Comité de dirección do proxecto iranse asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora da contorna e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación.

A partir do vindeiro mes de setembro o Concello de Ames asumirá a presidencia do Parque Compostela Rupestre, que ten carácter rotatorio e que neste último ano foi asumida polo Concello de Santiago de Compostela.

Pode que che interese...