fbpx
Restos de cerámica atopadas den Cova Eirós que son do Neolítico inicial / USC

Novos achados en Cova Eirós relacionan a Galicia co inicio do Neolítico no noroeste peninsular

Tempo de lectura: 2 min.

O achado dun vaso cerámico parcialmente conservado durante as escavacións de Cova Eirós (Triacastela, Lugo) permite achegar novos datos sobre o proceso de Neolitización da Fachada Atlántica e de Galicia en particular, tal e como reflicte un estudo recentemente publicado na revista Trabajos de Prehistoria. Tanto pola súa forma de botella como pola súa profusa decoración (realizada coa impresión dunha cuncha de berberecho, Cerastoderma edule), o recipiente lembra claramente a cerámica cardial, tan característica do rexistro arqueolóxico entre os primeiros grupos neolíticos do sur da Península Ibérica.

A análise realizada por Miriam Cubas, da Universidade de York, dos lípidos contidos no interior da cerámica atopada permite inferir que o recipiente foi utilizado para o procesado de carne de ruminantes xunto con vexetais. Aínda que a peza non se puido datar directamente, os paralelos estilísticos e tipolóxicos permiten relacionala con conxuntos oleiros do sur de Portugal.

A cerámica  cardial está vinculada cos primeiros grupos do  Neolítico Antigo, que penetran ao longo do litoral mediterráneo, traendo consigo a introdución das prácticas agrícolas e gandeiras. Os paralelos máis próximos xeograficamente atópanse na conca do río Mondego (Coimbra), no centro de Portugal, a máis de 300 km. A partir doutros exemplos identificados e datados no litoral portugués (Galería dá Cisterna,  Santarém, Casével), o achado de Cova Eirós podería sinalar que o inicio das prácticas neolíticas no Noroeste peninsular remóntase probablemente ao final do VI milenio a. C, unha etapa aínda escasamente representada na Prehistoria galega.

O reitor da USC e o conselleiro de Cultura observan os últimos achados de Cova Eirós / USC

Segundo apunta a USC nun comunicado, a cerámica foi recuperada no interior dunha fosa escavada na entrada de Cova Eirós durante as intervencións dirixidas polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, que precisamente este luns renovou a súa colaboración para continuar coas intervencións arqueolóxicas. Para ese efecto, o conselleiro Román Rodríguez e o reitor Antonio López subscribiron esta mañá un novo acordo que suporá unha inxección económica de 30.000 euros para este ano.

Máis dunha década de traballos

As actuacións que levan desenvolvéndose desde o ano 2008 tanto na entrada da cova, con abundantes materiais e unha estratigrafía complexa onde se atoparon restos de ocupacións paleolíticas que van desde o paleolítico medio ata os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do paleolítico superior, permitiron descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

Pode que che interese...