Recreación da embarcación de tipo micénico do petróglifo Auga dos Cebros, de Oia / Talaso Atlántico

O petróglifo do barco que proba a relación entre Galicia e o Mediterráneo fai 4.000 anos terá réplica

Os traballos para a elaboración dunha réplica do petróglifo de Auga dos Cebros comezarán esta fin de semana cunha actividade que consistirá na limpeza da contorna do gravado.

O proxecto de elaboración dun molde e réplica de Auga dos Cebros está promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre, no que figura unha embarcación de tipo mediterránea do II milenio A.C. Ao mesmo tempo, aproveitaranse os traballos para levar a cabo iniciativas de divulgación e sensibilización patrimonial.

“A finalidade última de contar cunha réplica fiel de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular”, apuntan desde Costa dos Castros.

As actuacións desenvolveranse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que será a encargada de acometer os traballos. Para elo, desprazará un equipo técnico composto por varios membros do profesorado e alumnado.

Petróglifo da Auga dos Cebros / Costa dos Castros

Traballos a fin de semana

Segundo informan desde o Proxecto Costa dos Castros, estes traballos comezarán o sábado día 22 ás 10.00 horas cunha limpeza dos arredores do petróglifo. Con esta actividade preténdese retirar a maior parte dos depósitos acumulados na contorna inmediata do sitio arqueolóxico, moitos deles froito do arrastre de materiais xerado polas augas do río.

Nas labores de campo do día 22 participarán membros da Escola, da comunidade de montes de Pedornes e de Costa dos Castros. Así mesmo, e co obxectivo de abrir as actuacións á participación da comunidade local, convócanse 5 prazas para as persoas que desexen axudar voluntariamente. As persoas interesadas en participar deberán chamar ao teléfono ​689.35.57.13 (as prazas están limitadas a 5, así que seguirase estrita orde de inscrición).

Na mesma liña de promover a participación e sensibilización da veciñanza, para o martes día 25 ás 18.00 horas programarase unha visita guiada na que se explicarán os traballos a desenvolver para a elaboración do molde co que se obterá a réplica de Auga dos Cebros.

Estas actividades, ao igual que o resto do plan de traballo, son susceptibles de sufrir algunha modificación horaria por motivo das condicións meteorolóxicas. No caso de cancelación, avisarase con antelación.

Cervos e barco do petróglifo de Auga dos Cebros, en Padernes, Oia / acient-origins.es

O significado deste petróglifo

O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, no lugar do Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación de orixe mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea.

Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: