fbpx
Parada de autobús en Laxe / colección José Vidal

A Xunta protexe 125 anos de Galicia en 60.000 fotos

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Xunta vén de declarar ben de interese cultural (BIC) o Arquivo Fotográfico Vidal, situado no Museo do Mar de Laxe (A Coruña). Isto implica a súa máxima salvagarda e tutela.

A partir de agora, este fondo con case 60.000 fotografías, terá un réxime especial de acceso e vistas. Así, haberá acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración autonómica para a realización dos informes necesarios para a súa conservación. Tamén se establecerá un réxime de visita para o público de, polo menos, catro días ao mes.

Vista parcial da Vila de Laxe a mediados do século pasado / colección José Vidal

Este arquivo, catalogado por temáticas e ámbitos xeográficos que abranguen as comarcas de Soneira e Bergantiños, realizadas por Plácido Vidal Díaz e José María Vidal García, pai e fillo respectivamente, desde finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século, constitúe un testemuño gráfico e documental de moito interese para coñecer os costumes, a paisaxe, os oficios, a pesca, a vida política e social ou a moda desta zona da Costa da Morte.

Integrado como fondo singular no arquivo municipal de Laxe, está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5886 fotografías en vidro e 10.306 en papel, o que supón un total de 59.667 fotografías. Sobresae a súa importancia como fonte de información, tanto para a realización de estudos da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social ou da historia da arte.

Pode que che interese...