fbpx
Retallo do REal de Legos da Parroquia de Beariz, feito para o Catastro da Ensenada / Carlos Solla

Así se foi castelanizando a onomástica dunha parroquia galega desde o século XVIII

Tempo de lectura: 4 min.

O 14 de novembro do ano 1752, Xacinto Pérez e Francisco Rozados, veciños da parroquia de San Salvador de Xirasga, responderon en Soutelo de Montes −perante as autoridades e en nome dos seus conveciños− o “Interrogatorio” do Catastro de Ensenada. A resposta ofrecida á terceira pregunta (situación xeográfica e tamaño do territorio) foi a seguinte:

La frâ. de Jirazga ocupa su casco y término de N. a S. media legua; de L. a P. media legua y por su circunferencia dos leguas qe para andarse es necesario dos oras y media. Su figura, la del margen [un paralelogramo] = Demarca al N. con la frâ. de Presqueras; S. feligresía de Santa María de Couso y Coto de Linarez = L. dha. [dicha] de Beariz; P. las frâs. dhas. de la Barcia y Presqueras.

Levantou acta o escribán Joseph de Arén (Xosé de Arén) que moito se esforzou en vernizar de castelán todo canto topónimo xurdiu na enquisa: *Presqueras no canto de Presqueiras, *Linarez no canto de Liñares e *Jirazga (ou Girazga) no canto de Xirasga. Con certeza, a grafía <z> de Linarez ou Jirazga representaba o son [s]. O escribán non achou verniz acaído para Couso.

Por outra banda, o escribán que redactou o Real de Legos correspondente á freguesía de Beariz (lese: Viariz) escribe sempre “Girasga”.

As grafías empregadas nestes documentos do século XVIII (Jirazga, Girazga [s] e Girasga), así como a forma oral utilizada maioritariamente polos falantes oriúndos e mais polos comarcáns (Xirargha) lévannos a pensar que a denominación neutra da parroquia é Xirasga. “Xirargha” é o resultado da súa articulación rotatizada e gheadista, trazos dialectais característicos do galego da zona. O rotacismo é o trazo fonético que consiste no paso de [s] a [r] diante de consoantes sonoras e xordas labiodentais e interdentais (derde, or nenos, ar bestas, or gatos, or feos, ar cereixas…), podéndose combinar coa gheada (or ghatos, ar ghatas; Xirargha).

Na actualidade Xirasga (San Salvador) dálle nome a unha parroquia e non a un lugar. O territorio de Xirasga suma os lugares da Abeleira, Framia, A Correa e A Alén. A Alén: casarío situado máis alá (cara ao nordés) da Correa. Quizais, antigamente, o núcleo onde se ergue o templo parroquial se denominou Xirasga no canto de A Correa (os naturais acreditan nesta posibilidade transmitida por tradición oral). O microtopónimo Campos ou Veigas das Correas podería facer referencia ás propiedades dunha antiga familia de terratenentes (os Correas, os da Correa) que, por razóns descoñecidas, se fixeron con boa parte da agra de Xirasga. Correa (lat. corrigia “tira de coiro, amalló”, “látego”), interpretaríase como un alcume (o Correa, a Correa) que acadou a categoría de apelido. No concello da Estrada, “Correáns” e “Vis de Correa” son antropotopónimos afíns (Iglesias Cortizo, C.: Os nomes da Estrada, 2018).

Indicadores nunha encrucillada de Doade / Carlos Solla

O relato do “medo”

Se abordamos o asunto dende a óptica do mito fundacional, cómprenos coñecer o relato do “medo” que acometía no lugar do Portacabalo na voz do señor Eludín Cañizo Paz (AELG: Polafía en Xirasga, outubro de 2011) e, daquela, non desbotaremos o interese dun incipiente mosteiro de Aciveiro (século XII) por percibir rendas en Xirasga. Os Campos das Correas abranguerían a porción de terra que o cenobio do Candán lles gañou aos paisanos tras enganalos coa argucia da pelica de boi. Un dos frades, en misión evanxelizadora, ofreceuse a esconxurar o “medo” (encanto, demo burleiro…) que os apouvigaba, en troco da leira que abranguese a coira dun boi. Aos veciños o trato pintáballes proveitoso, mais o freire lagarteiro tallou o pelello en fitas (ou correas) que foi anoando espeque a espeque até acoutar media parroquia. As semellanzas co deslindamento da chamada Legua do Frade (parroquia da Barcia do Seixo) e da Chousa de Pedro Bras (Pardesoa) son evidentes.

Fosen os Correa de Xirasga grandes propietarios ou fosen as rendas das Correas prebenda dos frades de Aciveiro, é ben certo que a pedrafita de Xan Xil (ou pedra da parroquia) chantouse entre as herdades de Framia e A Correa, ao pé do carreiro do Portacabalo que vai dar aos muíños do regueiro de Donsueiro (ou do Insueiro).

Rañar e especular todo é comezar. Restra de antigos posesores: Xirasga ou Xirargha < villa Gerasica (“o eido de Xerasio (ou Xelasio)”), antropotopónimo grego. Framia < villa Framila (“o eido de Framila”), antropotopónimo suevo. Doade < *villa Donati (“o eido de Donato), antropotopónimo latino. Finalmente, A Abeleira, a árbore das abelás (Corylus avellana), fitotopónimo.

Xa enfariñados, Beariz < *villa Viarici (“o eido de Viarico”), antropotopónimo suevo. A terra ten dono.

Abunda na parroquia de Xirasga o apelido Cañizo (a web Cartografía dos apelidos de Galicia rexistra a porcentaxe máis alta de “Cañizos” no concello de Beariz). Porén, a meirande parte dos contos que oímos en Xirasga teñen como protagonista a inefábel tía Caniza (muller ou filla dun Canizo). Non hai dúbida, Cañizo e Cañiza son formas castelanizadas.

Moito aprendemos en Xirasga. Xa que logo, aínda que non haxa vontade política que o referende, a única forma correcta e legal para nomear a terra do xamón é A Caniza.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...