Beatriz Comendador analiza os motivos pictóricos atopados no xacemento do Castelo de Lobarzán, tamén coñecido como A Ceadá das Laxes das Chas, nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra / Lobarzán

Atopan pinturas prehistoricas antropomorfas de hai 5.000 anos nas terras de Monterrei

Tempo de lectura: 4 min.

Nun abrigo natural, nunha pequena cavidade de bloques e grandes laxes con dominio visual sobre o val que rodea o xacemento do Castelo de Lobarzán, tamén coñecido como A Ceadá das Laxes das Chas, nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, veñen de descubrirse pinturas rupestres, realizadas sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte. O achado ten lugar no marco do proxecto de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica desta área arqueolóxica que está a realizar un equipo de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo. Algunhas destas pinturas, ademais, son atropomorfas, un feito que destaca a súa importancia.

“Tivemos coñecemento da existencia dunhas posibles pinturas a través de J. L. Arias, que visitara o lugar conxuntamente con outros veciños do Rosal (Oímbra)”, explica Beatriz Comendador, directora do proxecto e arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo. Unha vez localizado o enclave por Beatriz Comendador e os arqueólogos Víctor Rodríguez e Nieves Amado, confirmaron “a existencia de pintura prehistórica conxuntamente con restos arqueolóxicos característicos dunha cronoloxía por volta do terceiro milenio antes da nosa era”, comenta a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense.

Localización e motivos

As pictografías localizadas, detalla Beatriz Comendador no Duvi, atópanse “nunha pequena cavidade de bloques e grandes laxes desprazadas, parcialmente á intemperie e situadas nos fragueiros do xacemento” e poden integrarse dentro da tradición de arte esquemática. O abrigo, indica, encádrase na categoría de locais ocultos, de acceso difícil e incluso perigoso, e os motivos atópanse na parede dun corredor natural semiaberto, cunha apertura con dominio visual sobre o val. Á falta dun estudo minucioso das pinturas, a arqueóloga salienta como o achado está composto por dous motivos illados, situados preto da base, a unha altura duns dez centímetros do chan. Un aspecto importante, subliña, “é que están realizados sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte” pois, indica Comendador, “coñecíase pintura no interior de cámaras funerarias pero non neste tipo de abrigos naturais”.

Motivos pictóricos atopados no xacemento do Castelo de Lobarzán, tamén coñecido como A Ceadá das Laxes das Chas, nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra / Lobarzán

Este tipo de emprazamento presenta características semellantes a outras estacións rupestres graníticas como a paraxe de Los Barruecos en Malpartida, La cueva Larga de Pradillo en Cáceres ou La Palla Rubia nos Arribes del Duero de Salamanca, segundo explica Beatriz Comendador. Nestes lugares, apunta, “cun intenso poboamento durante o neolítico e o calcolítico, o granito constitúe o soporte xeolóxico predominante e proporciona un ambiente proclive ás manifestacións relacionadas coa espiritualidade das sociedades primitivas ou incluso a súa relación co mundo funerario”. Por outra banda, engade a arqueóloga, o achado feito “amosa a diversidade de soportes”, xa que na mesma comarca de Monterrei tamén foi localizada pintura sobre cuarcita no Penedo Gordo (Vilardevós).

Sobre as pinturas descubertas, a arqueóloga da Universidade de Vigo salienta como se trata de “figuras realizadas en tinta plana vermella, aparentemente de cores semellantes, cunha forte abstracción e hieratismo”. Un dos motivos localizados, indica, é unha figura antropomorfa, “asimilable ao tipo dos antropomorfos cruciformes ou os sexuados coñecidos en Las Batuecas (Salamanca), Cáceres, Cabeza del Buey (Badajoz) ou noutras zonas máis meridionais”. A súa cronoloxía nestas áreas sería consecuente coa da primeira ocupación coñecida do enclave do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, caracterizada por un importante conxunto de cerámicas prehistóricas, entre elas as do tipo Penha, propia dos asentamentos do neolítico final/calcolítico no noroeste peninsular, e especialmente no val do Támega. Por outra banda, destaca Beatriz Comendador, “a contorna é unha das áreas nas que aparecen con maior densidade afloramentos con gravados rupestres do tipo coviñas que se estenden, igualmente, por fóra do recinto murado ata ao pico máis oriental, o Mazairo”.

Estudo e protección

A revisión tanto dos elementos atopados, do lugar xeográfico do achado, do emprazamento, das características da rocha soporte, da disposición, definición e forma dos motivos en pintura vermella, conxuntamente cos antecedentes arqueolóxicos mencionados no territorio no que se enmarca, indica Beatriz Comendador, lévalles a “a considerar este lugar como unha estación con pintura rupestre da tradición esquemática”. A cavidade, engade a arqueóloga, “ofrece potencial arqueolóxico, polo que é precisa a catalogación e rexistro, diagnose e protección deste ben”.

Así, o achado foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia no momento da súa localización, sendo xa presentada unha proposta de actuación a esta dirección xeral. O enclave, comenta Beatriz Comendador, será intervido por un equipo liderado polo Geaat da Universidade de Vigo “á espera das accións que se consideren pertinentes, e de ser o caso, do establecemento de medidas para a vixilancia e protección do mesmo, dada a vulnerabilidade do lugar”.

Na actuación en curso, detalla a arqueóloga, “está prevista unha prospección que contempla a revisión destes fragueiros e cavidades, para a que o equipo conta coa colaboración da veciñanza”. Para a revisión e estudo do conxunto de cavidades tamén contarán coa axuda do CETRA (Grupo de Espeleoloxía Científica A Trapa), “dada a enorme riqueza xeolóxica da contorna, onde xa eran coñecidas cavidades con potencial arqueolóxico, como A Cova dos Mouros”. Todos estes aspectos, indica por último Beatriz Comendador, “poñen de manifesto o potencial do conxunto Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: