fbpx
Vista de parte da salina ou factoría de sal do Seixal, na Guarda / Mar de sal

Cando a Gallaecia tiña o maior complexo de explotación de sal mariño de todo o Imperio Romano

Tempo de lectura: 3 min.

Ademais do ouro, o mercado do sal foi outra das grandes actividades económicas que os romanos explotaron en Galicia.  Nas costas galaicas está documentado un importante centro romano de produción de sal, que probablemente funcionaba para abastecer ás factorías de salgadura que neste mesmo momento se espallan ao longo de todo o litoral.

Coñécense salinas romanas na Guarda, no Areal de Vigo, en Bouzas e na villa romana de Toralla. Son tamén probablemente romanas as salinas da Lanzada, as de Nerga (Cangas), as de Mougás (Oia), as de Sto. Isidoro (Caminha), as de Gelfa (Viana do Castelo), as de Esposende e as de Angeiras (Matosinhos). Pero é na Guarda, onde hai unha concentración excepcional de antigas salinas.

O grupo de traballo do proxecto «A Guarda, Mar de Sal», encabezado por Brais Currás, (investigador da Universidade de Coimbra e do grupo de investigación EST-AP do CSIC) e Mar Cortegoso, realizaron importantes avances nas investigacións sobre as Salinas do Seixal e Camposancos, dando pé á teoría de que estas salinas forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano, e que estaría formado por máis zonas salineiras da fachada atlántica do noroeste peninsular.

Tras as escavacións das salinas da Guarda, as evidencias identificadas apuntan a que forman parte dun complexo maior que se estende polas costas da antiga Gallaecia e que supón unha mostra excepcional da produción de sal no mundo antigo, cun enorme valor científico e potencial patrimonial.

As estruturas documentadas na Guarda forman parte dun complexo maior que se estende polas costas da antiga Gallaecia e que supón unha mostra excepcional da produción de sal no mundo antigo, cun enorme valor científico e potencial patrimonial.

Escavacións na Salina do Seixal, na Guarda

A importancia das explotacións salinas da Guarda

Toda a franxa litoral da Guarda debeu estar salpicada de explotacións salineiras, dando forma a unha paisaxe entregada á explotación do mar. Evidencias de salinas coñécense nos lugares de Punta Barbela, Sollás, na zona de Cetárea de Pepe Sobrino, no Porto da Lamosa e en Punta Bazar. No lugar do Congrido, ao pé do paseo da senda litoral pola que discorre unha variante do Camiño de Santiago, consérvanse as salinas do Seixal.

Os traballos arqueolóxicos levados a cabo o pasado ano deixaron á vista parte dunha explotación de sal que ten a súa orixe no s. I d.C., nun momento no que o castro do Monte Trega inda estaba ocupado. O que hoxe podemos ver sobre o terreo correspóndese cos tallos salineiros, onde tiña lugar a fase final de cristalización do sal. O seu enlousado estaría cuberto orixinalmente con algún tipo de pavimento impermeabilizante feito quizais con arxila, e que hoxe non se conserva. A auga do mar, antes de chegar ata aquí pasaría por outros tanques onde se iría concentrando progresivamente o sal.

Debido ás transformacións da liña de costa esas estruturas xa non se conservan.Durante o transcurso destas escavacións, e tal e como avanzou Mar Cortegoso, apareceron estruturas iguais ás documentadas nas Salinas de Vigo, moi características da época Romana, e que non deixan dúbidas sobre a súa cronoloxía. Os materiais documentados na salina son semellantes aos que aparecen no castro do monte Trega da Guarda, o que confirma a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica no tempo.

As estruturas documentadas na Guarda forman parte dun complexo maior que se estende polas costas da antiga Gallaecia e que supón unha mostra excepcional da produción de sal no mundo antigo, cun enorme valor científico e potencial patrimonial.

Escavación na Salina do Seixal

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.

No marco deste proxecto gravouse este interesante vídeo:

 

Pode que che interese...