fbpx
Unha das estacións de petróglifos de Campo Lameiro danadas tras unha limpeza / A Furneiriña

Denuncian ao actual director do Museo de Pontevedra por “eliminar a pátina superficial” de petróglifos de Campo Lameiro

Tempo de lectura: 2 min.

O Colectivo na Defensa do Patrimonio “A Forneiriña” presentou o pasado 17 de xullo unha denuncia perante a Garda Civil de Cuntis polo estado actual das 9 estacións rupestres visitables da área arqueolóxica do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre Campo Lameiro (PAAR).

Un membro deste colectivo visitou o PAAR a pasada semana e puido comprobar o estado no que se atopaban as laxes con gravados logo dos traballos de limpeza executados. “O procedemento desta actuación descoñecémolo pero si sabemos que foi tan exhaustiva a limpeza que eliminou por
completo toda a pátina superficial das pedras quedando totalmente desprotexidas ante os axentes meteorolóxicos”, denuncia. De feito, A Forneiriña vai máis alá e destaca que as laxes adquiriron “unha tonalidade rosada e branquecina” que fai case imposible a apreciación do suco dos gravados.

Outeiro dos Cogoludos. Unha das estacións de petróglifos de Campolameiro / A Forneiriña

“Estes traballos cónstanos que foron realizados baixo a supervisión do antigo director do parque, José Manuel Rey, actual director do Museo de Pontevedra”, engade. Así, lembra que é a segunda vez que o director do referente parque de arte rupestre a nivel europeo é cómplice dun ataque a este patrimonio que ten a categoría de BIC. O primeiro foi no ano 2014 cando nos traballos de limpeza da área arqueolóxica do PAAR se arrasou un petróglifo BIC, Forneiriña R2, pasándolle un tractor con desbrozadora de cadeas por enriba e incumprindo o protocolo de limpeza establecido nesta área.

No 2015, logo da denuncia do esnaquizado do gravado existente, nun primeiro informe negou a existencia dese gravado e limitouse a minimizar os danos na laxe en cuestión. “Agora, cinco anos despois, está detrás doutra agresión irreparable ao patrimonio supervisando unha limpeza dos petróglifos do PAAR por unha empresa externa que tivo como resultado a alteración dunhas laxes con gravados datados no II-III Milenio a.C.”, engade.

A Forneiriña destaca que a denuncia presentouse co fin de que a Dirección Xeral de Patrimonio investigue as actuacións que ocasionaron esta agresión “e que o actual director do Museo de Pontevedra asuma as súas responsabilidades como cómplice desta agresión ao patrimonio declarado ben de interese comunitario”.

Pode que che interese...