fbpx
Graffiti pintado nun muro de Sallent (Barcelona) que representa a loita dos guerrilleiros antifranquistas e do maqui / CC/Yeza

Manolito Bello, o guerrilleiro comunista que morreu a garrote na Coruña

Tempo de lectura: 2 min.

Manuel Bello Parga, coñecido por Manolito Bello, é un dos guerrilleiros antifranquistas con máis fonda pegada o Partido Comunista. De feito, un colectivo da Xuventude Comunista leva o nome de Manolito Bello na súa honra. E por que este predicamento a este mozo guerrilleiro?.

Bello foi un activo militante do Partido Comunista de España durante o franquismo. As autoridades do Réxime detivérono en 1945 pola impresión e distribución de material subversivo. En xaneiro de 1946 pouco despois de saír en liberdade provisoria, uniuse ao Exército Guerrilleiro de Galicia como responsable do destacamento Líster da IV Agrupación e pouco despois pasou á partida La Marina, coa que participou en Cambre no atentado contra Manuel Doval Lemat, un coñecido falanxista local.

O guerrilleiro comunista Manuel Bello Parga, coñecido como Manolito Bello

Caería o 19 de maio de 1946 no intento de sabotaxe contra un emisor de Radio Nacional de España. Acción na que morreu o xornalista de El Ideal Gallego, Arcadio Vilela Gárate. No transcurso do intercambio de disparos coa Garda Civil, Manuel Bello caeu prisioneiro. Torturado na prisión e sometido a consello de guerra, foi condenado ao garrote e executado na Prisión Provincial da Coruña o 11 de xullo de 1946.

Homenaxe

Precisamente, este xoves, fanse 73 anos do seu asasinato. Por iso, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, o Partido Comunista de Galicia e as Xuventudes Comunistas de Galicia, ademais de familiares de Bello, organizan unha homenaxe no cemiterio de Oza ás 17.00 horas “Na súa tumba, e tal como expresou na carta de despedida de Manolito Bello á que era a súa moza, colocaremos un ramo de flores coa forma dunha estrela vermella de cinco puntas”, apunta a organización.

Pode que che interese...