Bandeira que foi utilizada para representar o reino suevo

O reino suevo en Galicia, só 50 anos de independencia?

O reino suevo configúrase como a estrutura política máis antiga da actual Galicia, o norte e centro de Portugal, e o oeste de Asturias e Castela e León despois da caída do Imperio Romano. É o primeiro estado medieval, e o primeiro en separarse do Imperio Romano e cuñar moeda. Pero a sua historia na antiga Gallaecia é máis ben curta, segundo algúns autores, non dura máis alá de 50 anos con independencia total doutros reinos ou imperios. A partir de entón, e ata a sua extinción definitiva, no 585, foi un reino feble, satélite ou moribundo enfrontado aos visigodos.

Os suevos entraron na Gallaecia en 409 ou 410 nunha vaga migratoria e guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas). E, precisamente, esta pouca poboación foi o que marcaría, á longa, o seu fracaso militar.

Tras a súa chegada a Galicia, este pobo xermánico instalou a sua capital en Braga e nomearon rei a Hermerico (409-438). Compiten cos vándalos asdingos polos territorios da antiga Gallaecia ata que os vencen no 420 coa axuda dos romanos. Os vándalos bátense en retirada cara ao sur, deixando toda a Gallaecia en mans dos suevos.

Ilustración dunha batalla entre suevos e romanos

Hermerico, primeiro rei

Debido á súa enfermidade, Hermerico abdicou no ano 438 en favor do seu fillo Requila (438-448), quen emprendeu unha política expansiva que fixo que os suevos se consolidasen no norte da Lusitania. Oficializou a capital do reino en Braga, e espallou o reino cara ao sur, conquistando Mérida, a capital da Lusitania, no ano 439 e chegando a tomar Sevilla no ano 441. A Requila sucedeuno Requiario (448-456), primeiro rei suevo nado en territorio galaico e o último en ser plenamente independente. Requiario adoptou o catolicismo no 449 e no 456 perdeu o control do seu imperio na batalla do río Órbigo, que enfrontou a suevos e visigodos, polo expansionismo suevo. Os visigodos derrotaron a Requiario, a quen perseguiron e asasinaron, saqueando o seu territorio.

Lenta agonía

A partir de entón, a influencia visigoda foi total na antiga Gallaecia e ningún dos seus reis puido acadar o poder do seus antecesores. De feito, o reino suevo dividiuse en varias ocasións e os enfrontamentos coa poboación galaicoromana agudizaronse ata que o reino acabou sendo devorado, definitivamente, polos visigodos.

A pesares de ser un reino efímero, o certo é que a pegada dos suevos en Galicia está aínda presente nos nosos días.O sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en emanciparse do Imperio Romano. Tamén a Igrexa galega transformouse nunha institución política do Reino e formalizouse a distribución interior demográfica de Galicia en parroquias, erixidas en boa parte sobre asentamentos prerromanos. De feito, parte do dereito galego é de orixe sueva.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: