fbpx
Torres da catedral de Santiago no lusco e fusco / turismodecompostela.com

Podería ser o 30 de decembro o Día do Apóstolo?

Tempo de lectura: 3 min.

A cultura popular tende a referirse ó mes de xullo como o “mes de Santiago”. Unha das grandes celebracións de Galicia foi historicamente o día de Santiago Zebedeo, o apóstolo de Cristo, que, segundo o mito popular e relixioso, tería cristianizado as terras do occidente europeo. O Día de Santiago foi unha das celebracións con máis arraigo en Galicia, tanto en moitas localidades do país como historicamente o gran día de celebración para a basílica compostelá.

Porén o día de Santiago non sempre se celebrou no corazón do verán senón que houbo un tempo no que o día grande de Santiago o Zebedeo ou Santiago Maior se celebraba no corazón do inverno, o 30 de decembro. Foi durante a Alta Idade Media e aparece documentado en diferentes escritos daquel momento. Era celebrado nese día pola basílica compostelá, polo menos ata o ano 1080, tal e como estudaron diversos investigadores medievalistas.

Non se coñece exactamente o motivo, pero o certo é que esta celebración formaba parte da liturxia hispánica e que os bispados dos reinos astur-leonés e galaico celebraban o día de Santiago o Zebededo neste día 30 de decembro. A data pode referirse a un posible día de nacemento, o descubrimento dos seus restos, a translatio do seu corpo ou a outros motivos que se moven entre a lenda, o mito e a historia.

Via Láctea coa catedral de Santiago en primeiro plano. Camiño de Santiago / reydaluz.com

Vía Láctea coa catedral de Santiago en primeiro plano. Camiño de Santiago / reydaluz.com

Un cambio dende o frío inverno ó corazón do verán

Mais fronte a esta data, recollida no santoral da liturxia hispana, en moitos reinos do arco mediterráneo o día de Santiago o maior se celebraba xa, seguido as directrices do papado, no día 25 de xullo. Así, neste século XI, ó adaptarse os reinos cristiáns da península á liturxia latina, a igrexa compostelá viuse na obriga de cambiar a data dende o 30 de decembro ó 25 de xullo. A data era a teoricamente asociada ó día do seu martirio.

Tal e como estuda López Alsina, o propio cambio non foi tan traumático para a igrexa compostelá como debería ter sido para unha data sinalada e cunha devoción tal. O día, localizada no corazón do verán, coincidía moito mellor cun clima favorable e a capacidade atractiva do estío, tanto para a peregrinación como para a celebración da festa. A solemnidade e a popularidade da devoción podería crecer con menos atrancos se a peregrinación a Compostela se desenvolvía nunhas datas diferentes ó frío inverno atlántico europeo, tal e como co paso dos séculos aconteceu.

Dúas celebracións e unha pequena mentira

Ademais, a nova data non suporía de feito un atranco fronte a tradición precedente. Xa que a nova celebración axudaría tamén a desdobrar os motivos de celebración na basílica de Compostela. Se ben a festa trasladouse ó verán, o día de 30 de decembro seguiu sendo un día de celebración para a cidade. A data mantívose dende aquela ata a actualidade como a celebración da mítica traslatio, axudando, así mesmo, a reforzar a importancia do santuario compostelán e o seu mito ó redor das reliquias.

Campás da catedral de Santiago / foto Xacopedia

Así, tanto o 30 de decembro como o 25 de xullo seguen a ser días de ofrenda e de celebración apostólica, máis o segundo, foi o que adquiriu maior relevancia co paso dos séculos. En 1919 o día foi elixido polas Irmandades da Fala e o conxunto do Galeguismo para celebrar o día grande de Galicia, manténdose así ata a actualidade. O 25 de xullo quedaría como de celebración da figura do Apóstolo e como celebración tamén civil e o 30 de decembro como conmemoración do mito apostólico compostelán como festa meramente relixiosa.

A data do 25 de xullo foi gañando importancia co paso dos anos, porén, sen ter en conta un detalle. A única testemuña que existe da data de martirio de Santiago atópase nos Feitos dos Apóstolos e refírese, de feito, ós días dos Ácimos, que se corresponden con principio do mes de abril. O máis probable é que existiran outro tipo de motivos para celebrar o martirio do santo neste día, e é posible que foran motivos de fondo -explicarémolo noutro artigo-. Sexa como for, Galicia celebra hoxe o seu día grande cun clima privilexiado en pleno corazón do verán.

Botafumeiro na catedral compostelá / fot acastro19850CC0

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...