fbpx
Cadro de Franco idealizado

Por fin Galicia homenaxea aos seus grandes pintores exiliados ante o terror franquista

Tempo de lectura: 3 min.

Por fin, unha homenaxe ao grandes pintores galegos que tiveron que exiliarse por mor do franquismo. O Consorcio de Santiago inaugurou na Fundación Granel “Figurando lembranzas”, unha exposición na que se exhiben 17 cadros de grandes figuras galegas que se viron na necesidade de marchar a Latinoamérica como Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell.

Estas obras teñen como fío condutor a paisaxe. Cada unha das pezas reflicte as influencias que estes artistas recolleron nos países onde vivían, como lles marcou o seu contorno. Tal como explica a comisaria, Mercedes Rozas, “na publicación Figurando recuerdos Luís Seoane revive, a través das súas ilustracións e debuxos, a memoria desde o exilio americano”.

“Condicionado pola súa obrigada e longa separación, volve unha e outra vez ás sosegadas tardes na aldea, aos contos ao calor do lume, ás feiras dos xoves en Compostela… Para non esquecer, debuxa”. Adaptando o título, publicado na Editorial Citania no ano 1959, “esta exposición suxire algúns dos xeitos de enfrontarse á obra de arte por parte de artistas galegos alén do mar”.

Luís Seoane traballando nunha figura inspirada nas pezas artesás de San Andrés de Teixido no seu estudio do Castro de Samoedo (Sada). 1963. Por cortesía de Xosé Díaz.

“A moitos creadores, que pasaron anos traballando en distintos países de América por mor do exilio ou a migración, as lembranzas custodiáronse como un tesoiro vital, foron o seu ánimo para seguir vivindo. Con todo, nas terras de acollida non deixaron de erixir unha nova mirada arredor da fresca escenografía que contemplaban. E así, por momentos, na súa pintura, imponse o ámbito no que viven, as paisaxes, as cores cálidas, o contexto artístico no que se moven…” -sinala Mercedes Rozas-.

Na mostra participan unha serie de institucións, museos e fundacións que aportan as súas obras: Abanca, Afundación, CGAC, CGAI, Fundación Eugenio Granell, Fundación María José Jove, Fundación Luís Seoane, Fundación Otero Pedrayo, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo de Pontevedra, Museo do Pobo Galego, Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”, Sociedad Filarmónica de Vigo e a Xunta de Galicia.

Un documental de 1956 e música de principios do século XX

A exposición inclúe a proxección dun documental do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) que contextualiza aos artistas, literatos e políticos galegos exiliados ou emigrados a Latinoamérica a mediados do século pasado.

En xullo do ano 1956, o Centro Galego de Bos Aires encárgalle ao coñecido como “fotógrafo da colectividade”, Elixio González Estévez, a gravación dos festexos do cincuenta aniversario do centro. O reporteiro, cámara en man, recolle conferencias e discursos de personalidades galegas relevantes emigradas ou exiliadas. Este importante documento gráfico representa a imaxe do horizonte americano visto desde a mirada dos galegos en América.

A mostra está ambientada con música de principios do século XX de Marcial del Adalid, considerado unha das figuras do romanticismo musical galego.

Pájaro flor, unha das obras da exposición dos pintores exiliados

Na Fundación Granell ata finais de setembro

A exposición permanecerá na Fundación Granell ata finais do vindeiro mes de setembro. Poderá visitarse os martes, mércores e xoves de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; os venres de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e os sábados de 11:00 a 14:00 horas. Os domingos, luns e festivos a Fundación Granell está pechada ao público.

Pode que che interese...