fbpx
Campamento romano de Cidadela, en Sobrado dos Monxes / arqueogaliza.blogspot.com

Que pasa co campamento romano de Cidadela?

Tempo de lectura: 2 min.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou este luns as obras de conservación e posta en valor do Mosteiro de Santa María de Sobrado. Unha actuación que ten como obxectivo recuperar o esplendor deste senlleiro conxunto monumental. O certo é que a Xunta quere facer deste monumento relixioso un dos grandes bens recoñecido como ben asociado aos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial.

Con todo, a cinco quilómetros deste BIC atópase outro dos grandes monumentos conservados da época romana; o campamento romano de Cidadela que é, xunto co de Aqua Querquennis, o único permanente da época imperial que existe en Galicia. Esta fortificación albergaba a 400 soldados que controlaban a provincia de Lugo e o norte da de Coruña e que era a sede da cohors I Celtiberorum, unidade pertencente á Legio VII Gemina.

Este campamento ten 2,4 hectáreas de superficie e contaba con enfermaría, cociña ou zona de adestramento. Emilio González Ramil, que dirixiu as últimas escavacións tras o traballo do profesor Caamaño Xesto, destaca que con esta nova intervención poderase seguir estudando as estruturas defensivas do campamento, un dos máis importantes de Galicia xunto co de Aquis Querquennis. Data dos séculos I e II d. C. pero foi abandonado sobre o século V, coas invasións xermánics. Nos séculos VI e VII volveuse reutilizar polos habitantes da zona, que deixaron os seus vestixios nos restos dunha pequena basílica e tumbas de enterramentos tardorromanos.

Unhas das primeiras escavacións de Cidadela / flickr-Sindo Mosteiro

Con todo, nos últimos anos, e a pesar da importancia do lugar, a última campaña arqueolóxica realizada neste ben, a pesar da súa relación co Camiño de Santiago, é a que se realizou no 2016. Entón escavouse unha área da muralla (tanto o seu exterior como interior) no seu lado oeste para deixar á vista o espazo intervallum (a distancia até onde alcanza unha lanza). Tamén se realizou unha sondaxe para comprobar o estado de conservación da muralla no lado sur do campamento, un espazo que quedou máis diluído debido á presenza de construcións como a igrexa e o cemiterio parroquial de Santa María de Cidadela.

Os arqueólogos que escavaron o campamento, primeiro Caamaño e logo González Ramil, destacan a gran riqueza que atesoura, pero, ano tras ano, non son poucas as críticas de entidades e partidos da oposición pola mala situación na que se atopa un dos grandes monumentos romanos galegos que, ben musealizados, sería unha das grandes riquezas do Camiño de Santiago. Precisamente, a Consellería de Cultura vén de licitar por un importe de 275.000 euros unhas obras para pór en valor as estruturas arqueolóxicas do campamento que, contrastan cos 1,5 millóns que leva investido no Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Pode que che interese...