fbpx
Mulleres no asalto ao castelo de Vimianzo / foto HdG

Vimianzo: Todo preparado para que os irmandiños queimen ao Moscoso

Tempo de lectura: 2 min.

Desde hai varios anos a Asociación Cultural Axvalso e a Asociación Xuvenil Cherinkas organiza unha recreación do asalto ao castelo de San Roque de Vimianzo, evento que recrea a revolta irmandiña contra os abusos dos nobres. A recreación é unha actuación cómico-dramático-ficticia onde os asistentes ao evento poden participar.

Durante o Asalto, o castelo de San Roque está escoltado polo Gran Señor, un enorme boneco de papel e trapo que representa a un membro dos Moscoso, a familia contra a que se alzaron en rebelión os plebeios no ano 1468. Un irmandiño dedícase a lanzarlle frechas de lume ata que o boneco arde. A continuación, con axuda do ariete, os pleios rompen a porta do castelo e conseguen entrar na fortaleza. Acto seguido estalan os fogos artificiais e durante dúas horas os asistentes trasládanse á Idade Media.

Día grande

Este sábado é o gran día das festas do Asalto a Castelo de Vimianzo. Desde as 10.00 horas haberá xa actividades. A praza do concello acollerá a esa hora unha feira de artesanía, a presentación do libro “Romance irmandiño”(10,30), e ao longo do día talleres de globoflexia e esgrima, xadrez humano, demostración de técnicas de combate medieval, etc.

 

A partir das 16h empezará a arenga musical con Medio Quinhón, o Asaltiño para os máis pequenos(16,30) e outras actividades que se prolongarán até a lectura do pregón a cargo da xornalista vimiancesa, Alba Mancebo.

Izarase a bandeira irmandiña e empezarán as actuacións de Monoulious Dop, A.C. Trubisquiña, Kosoko Nasera, As Curandeiras ou Medio Quinhón. Ás 21,17 na praza de Castelao haberá un concerto de Trampulleiro e actuará a charanga Vai de Roda.

Despois da cea, haberá un concerto de Luar na Lubre. A prestixiosa banda que lidera Bieito Romeu ten nas súas filas á vimiancesa Irma Macías. Ás 23,30 terá lugar o “Asalto ao Castelo” e os concertos de Esne Beltza, Mafalda e Skandalo GZ.

Xa o domingo 7, a partir das 10.30 horas a Mostra de Artesanía en Vivo abrirá de novo. Ás 13.00 horas poderase gozar con Castelo vivo, un paseo pola historia da man da compañía de teatro Vos Quinquilláns.

Pode que che interese...