Escena de "Os Lobos de Moeche" na que un grupo de Irmandiños ultima a súa vindeira operacin / Manel Cráneo

Xoán Branco, o líder esquencido das revoltas Irmandiñas

Tempo de lectura: 3 min.

Xoán Branco é un deses nomes que devora e case desaparece da Historia. Unha Historia que na maior parte das veces é contada polos vencedores. E coma el non foi dos vencedores, senón dos vencidos, a súa fazaña quedou oculta durante máis de 500 anos.

Un Branco que, como outros burgueses e campesiños, foi un dos protagonistas da primeira gran revolución da Época Moderna. Ergueuse contra os seus señores, derrubou castelos e fortalezas e loitou para que os seus fillos gozasen dun mundo mellor que o que el coñecera.

Toda a vila de Vimianzo cos Irmandiños / foto HdG

A gran revolta irmandiña foi un fenómeno transversal que aglutinou as arelas de cambio de todos os sectores sociais do antigo reino de Galicia. Moi diversas institucións, concellos, gremios, cabidos, abadías implicáronse na loita contra as arbitrariedades da nobreza, sufragaron a guerra e contribuíron creando cuadrillas de voluntarios para derrubar fortalezas e expulsar a señores e malfeitores.

Foi a primeira revolta europea que ergueu a todo un pobo e conseguíu a implantación, aínda que por un breve período de tempo, dunha nova orde política e social. Á fronte estaban as Xuntas da Irmandade do Reino de Galiza, o antecedente da actual Xunta de Galicia que artellaron unha organización que foi quen de facer fuxir aos nobres, extirpar o bandoleirismo, organizar a administración de xustiza, o poder militar e o cobro de tributos en representación do rei e impoñer a paz.

Xoán Branco e a gran revolta Irmandiña, de Zabaleta

Xoán Branco

Pero quen é Xoán Branco?. Fran Zabaleta recupera no libro “Xoán Branco e a gran revolta Irmandiña” a historia deste notario e escribán de Betanzos que foi o dirixente máis representativo da gran revolta irmandiña que sacudiu o país galego entre 1467 e 1469, o único capitán xeneral, que se saiba, que non procedía do estamento nobiliario, como sucedeu no caso de Alonso de Lanzós, Diego de Lemos e Pedro Osorio, os outros tres grandes nomes da revolta.

Branco é citado polos documentos da época como deputado, representante ante o rei, capitán xeneral e, fundamentalmente, coma “home honesto e cabal, amigo dos pobres e preocupado polos abusos dos señores”. Aparece na memoria colectiva derrubando fortalezas, ordenando o axustizamento de malfeitores e acudindo ante o rei Henrique IV en representación dos irmandiños. Foi quen de agrupar a labregos, burgueses, artesáns, mercadores e cregos na defensa da paz e o bo goberno. A súa morte, tras a derrota da Irmandade, está rodeada de misterio. As fontes afirman que “o mataron”, aínda que sen especificar quen nin en que circunstancias. A súa memoria perdurou no imaxinario popular como exemplo de home xusto e defensor dos humildes.

Fin dunha etapa

A gran revolta irmandiña segue a ser a gran descoñecida da nosa historia como país. Xeralmente, coñécense de forma superficial os feitos, mais permanece no esquecemento o seu alcance e a súa trascendencia. Pois a revolta supuxo a fin da cabaleiría medieval en Galiza e abríu as portas á idade moderna.  O libro de Zabaleta ten coma pretensión, segundo o autor “achegar, a través da figura dun dos impulsores deste movemento, aqueles trascendentais feitos dos que os nosos antergos foron protagonistas. Porque neles, nos sucesos deses anos, alenta o mellor de nós como país”.

Xoán Branco e a gran revolta Irmandiña
Autor: Fran Zabaleta
Ilustrador: Javier Badal Palacio
Editorial: NigraTrea
Publicación: febreiro 2012
Páxinas: 128
Temática: divulgación histórica
Dispoñible en: papel

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: