Pena do Castelo en Cervantes que a tradición di que é de orixe romana / Patrimonio dos Ancares

A presenza romana que aínda existe viva nos Ancares

Tempo de lectura: 3 min.

Cervantes é un bo expoñente da presenza dos romanos nos Ancares. Unha presenza motivada pola gran cantidade de ouro que existían nestes montes. De feito, a pegada romana no municipio de Cervantes é a máis importante da comarca dos Ancares, documentándose máis de 60 explotacións auríferas, varios asentamentos, epígrafes latinos, un campamento temporal, e tamén por Cervantes discorría a Vía Romana XIX que, procedente da Veiga de Valcarce, Ransinde e A Braña (O Bierzo), entraba en Galicia polo Comeal (Cervantes), tal como nolo testemuñan os clarísimos tramos de calzada, o máis recente documentado na zona da Braña despois dos incendios acontecidos no ano 2018 en que saíu á luz un impresionante tramo de varios centos de metros (ademais de anacos de recipientes cerámicos e tégulas) que enlazaba co do Comeal, único tramo de vía romana catalogado na comarca dos Ancares pola Xunta de Galicia. A calzada, despois de atravesar o concello cervantego, entraba en Becerreá polas Pontes de Gatín onde se ubicaba a mansión romana de Ponte Neviae citada no Itinerario de Antonino. Sobre a ponte das Pontes de Gatín hai un miliario reutilizado posteriormente en época de Carlos III.

Dende tempos inmemoriais e ata ben entrado o século XX, o camiño que discorre por este sitio foi usado para o paso do gando (vacas, ovellas e cabras), ademais das cabalerías utilizadas polas persoas que as guiaban. De Galicia para León adoitaban levar o gando lanar e caprino, e á inversa o vacún, frecuentando, sobre todo, os pasos existentes polas zonas de Poso e Piornedo. O motivo de trasladar o gando a través desta agreste orografía debíase, en gran parte, a evitar a vixilancia que sobre este tráfico exercían as autoridades.

Ponte romana

Neste sentido, o colectivo Patrimonio dos Ancares puxo en coñecemento da Consellería de Cultura a existencia dunha antiga ponte no concello de Cervantes que está sen catalogar.Segundo as características que presenta, o máis probable é que sexa de orixe romana.

Ponte romana ou Pontevella, en Cervantes / Patrimonio dos Ancares

Coñecida como a Ponte Romana ou a Pontevella, está ubicada na parroquia de Donís, nas inmediacións da acea das Pontes e sobre o río que leva o mesmo nome. Conta cun arco de medio punto e plataforma horizontal e está construída en lousa. Dende a asociación que preside Xabier Moure, cren que pode tratarse da ponte máis antiga non só do concello de Cervantes, senón da comarca dos Ancares.

Actualmente, está cuberta pola maleza e apenas resulta visible, igual ca o camiño que conducía a ela. Nin sequera se lembra cando deixou de utilizarse. No seu canto, agora emprégase unha nova ponte de formigón que substitúe a outra de madeira que asentaba sobre alicerces de pedra.

Torre romana

Por riba da Ponte Romana, a uns 650 metros de altitude, nun pequeno outeiro situado entre o citado río das Pontes e do rego da Ponte de Bous, existen os restos dun asentamento de pequenas dimensións, cunhas medidas aproximadas de 55 por 35 metros. Coñécese popularmente co evocativo nome de Pena do Castelo. Na parte alta apréciase claramente que as rochas foron cortadas para nivelar o terreo. Nalgunhas obsérvanse uns buratos artificiais utilizados, posiblemente, para encaixar as vigas de madeira dunha construción. Segundo a tradición, os romanos construíron eiquí unha torre para protexer o paso pola primitiva ponte. Na actualidade hai unha ouriceira utilizada antano para gardar as castañas e varias colmeas.

Muíño

Moi preto da Ponte Romana e da Pena do Castelo está a Acea das Pontes, empregada polos veciños da parroquia de Donís para moer o gran. O propietario actual contounos que na acea funcionou unha taberna, lembrando que era habitual atopar máis de vinte cabalos atados á vez esperando polos seus propietarios por ser, como xa apuntamos, un sitio de paso obrigado para o gando e para as persoas, ademais de para moer o gran. Ata a instalación do tendido eléctrico hai uns trinta anos, os habitantes da acea alumábanse cunha dinamo que aínda se conserva.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: