fbpx
Irimia / foto darksouls1CC0

Lendas galegas para escorrentar o virus na casa: A lenda do Pedregal de Irimia, o lugar no que nace o Miño

Tempo de lectura: 3 min.

O río Miño, o máis representativo de Galicia e que cruza de norte a sur o noso territorio pasando por tres provincias e dúas das sete cidade galegas, nace no nordeste da provincia de Lugo, na serra de Meira. Faino en Fonmiñá unha lagoa na que se recollen as augas subterráneas que pouco antes pasaron por un pequeno regato que nace baixo unha morrena de pedra. É o chamado Pedregal de Irimia.

É un lugar privilexiado, e, sen dúbida, unha morrena ou restos dun antigo glaciar que milleiros de anos atrás ocuparía o lugar. Nel, nunha enfesta duns 700 metros de altura, grandes bolos descenden pola anta do monte, creando unha paisaxe excepcional. Baixo eles se escoitan as augas ata que, finalmente, saen na súa base nun pequeno regato, o Miño.

A lenda da bruxa Irimia

Pedregal de Irimia / foto Concello de Meira

Mais a sabedoría popular non tivo por que saber ó significado xeolóxico do monte, e o lugar está cheo de lendas que lle buscan unha explicación á paisaxe. A máis coñecida é a lenda de Irimia.

Aquela que conta que naquelas terras vivía unha meiga chamada con este nome.Segundo se conta, era unha asceta que vivía de costas ós habitantes do lugar e tamén ós monxes do mosteiro de Meira. Un día cando eles trataron de cobrarlle os tributos que lle correspondían, máis que nunca pagara, ela entrou en cólera lanzándolle pedras dende o alto do monte. Os monxes de Meira tiveron que desistir do seu interese.

A partires de aquí a lenda ten variantes distintas. Algunhas din que as pedras medraban ó tempo que baixaban pola anta do monte polo embruxo da muller, outras falan de que a súa intención era cubrir a auga para que os monxes non tiveran acceso ó río e outras que os monxes ficarían atrapados para sempre baixo as pedras. O que si é certo é que Irimia mantivo para si o lugar, polo que en moitas narracións emprégase a frase castelanizada “este río é miño“.

Homes convertidos en pedra ou sepultados polos cons

Pedregal de Irimia / foto Concello de Meira

Mais non é a única historia que se conta sobre o pedregal. En varias versións se fala de homes ou demos convertidos en pedra. Unha fala de homes que terían causado grandes males. Alí ficarían convertidos en pedras agardando a súa redención pola auga. Outra fala dun cenobio anterior a Meira, que gardaba o nacemento do río, e que o demo trataba derrubar. Cando, no medio dunha tormenta, o seu exército de criaturas demoníacas se aproximou para aniquilalo abriuse o ceo e quedaron todos convertidos en pedra mentres baixaban pola montaña.

Outra lenda fala tamén de Irimia, neste caso como unha vella que andaba a discutir constantemente co seu marido. Ó fuxir este Irimia díxolle que non mirara atrás. El non puido evitalo mentres ela lle botaba un meigallo. Do ceo saíron paxaros inmensos botando grandes pedras sobre a cabeza do home. Cando xa estaba chegando ó pé do monte unha delas acadoulle deixándoo morto no lugar. Baixo as pedras comezou a brotar a sangue do desafortunado home.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...