fbpx
Baleas / foto three_shotsCC0

Así é o lugar no que cazou Galicia a última balea de Europa

Tempo de lectura: 3 min.

O 29 de decembro de 1985 o barco Ibsa II regresaba á costa de Cee remolcando un cachalote de grandes dimensións. Era a última balea cazada en Europa e tan so dous días antes da moratoria que prohibía internacionalmente a súa pesca. Foi na factoría de Caneliñas, un pequeno esteiro resgardado na ría de Cee e moi preto do monte Pindo, un pequeno porto onde durante séculos se viviu da salgadura e que durante o século XX foi o maior porto baleeiro da península.

Foi esta a última balea cazada en Europa, nun tempo no que Galicia era o principal caladoiro de cetáceos e un dos maiores de Europa. Nas décadas de 1970 e 1980, a industria baleeira galega chegaba a cazar máis de 200 baleas ó ano. Mais esta gran explotación, desmesurada de feito, non era outra cousa que a evolución de séculos en que os galegos, como tantas outras zonas do occidente europeo, saían á cazar e levar baleas cara terra.

Caneliñas, un proxecto noruegués

En Caneliñas todo comezou en 1924, cando o noruegués Sven Foyn Bruun merca unha antiga fábrica de salgadura con tres hectáreas de terreo, e funda no lugar a Compañía Baleeira Española. A tarefa emprendida polos noruegueses so duraría catro campañas, entre 1924 e 1927, mais, segundo as crónicas da época, nese tempo tería cazado máis de 1.200 baleas e máis de 60 ó mes nos momentos de maior actividade.

Porén disto a empresa non continuou e tivo que agardar máis dunha década para pórse de novo a funcionar. Foi na década de 1940 cando Xosé Chas Rodríguez, xunto a outros empresarios da cidade da Coruña, merca a totalidade das accións da compañía fundada como IBSA no ano 1946 (Industria Baleeira S.A.). A fábrica de Caneliñas foi reformada e posta en marcha de novo no ano 1951.

Un lugar excepcional

E é que ben resgardada, pero ó pé do mar aberto, Caneliñas atopábase a tan so 60 millas do lugar no que podían avistarse e cazar as primeiras baleas. O método de pesca, sinxelo, o disparo dun arpón cun arma de fogo dende o barco, dándolle morte o animal. Despois era remolcado á terra, á factoría, onde se aproveitaba para carne, aceite, fertilizantes e ata ámbar.

Despezábase en terra o animal e se procesaba. Cumpría arrastralo a terra seca, mantelo en condicións óptimas, e tamén ter un bo porto de augas calmas preto de mar aberto. Por todo isto a factoría de Caneliñas era privilexiada. Un mínimo esteiro cun porto non maior de cen metros, chan e rodeado polo pedregal de Gurés. En terra un complexo industrial perfecto para a converterse na principal factoría para o procesamento deste animal.

Do mercado nipón ó ocaso

En marzo de 1971 IBSA mercará as históricas factorías baleeiras de Massó Hermanos S.A. en Cangas. A empresa, que daquela xa era a maior baleeira da península, consolídase aínda máis e establece un acordo comercial con tres grandes empresas xaponesas. IBSA exportaría dende aquela a Xapón a maior parte da súa produción, sendo daquela a industria pesqueira máis rendible de Galicia.

Mais a conciencia sobre a pesca da balea cambiara moito no medio século de funcionamento da factoría, e onde outrora era case unha heroicidade a súa caza, agora era unha importante ameaza para os ecosistemas e a supervivencia das especies. Así na década de 1970 a presión ecoloxista deu o seu resultado, e na década seguinte pasouse das cotas a unha moratoria internacional que prohibiu a súa caza. O 29 de decembro de 1985 lévase ó porto de Caneliñas a última balea cazada en Europa.

Porto de Caneliñas en Cee / foto HdG

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...