Pazo de Goiáns en Boiro / foto listarojadelpatrimonio.org

Boiro salva o pazo de Goiáns, un monumento do século XV que estaba na Lista Vermella

Tempo de lectura: 2 min.

Ó pé de Boiro, no esteiro do río Coroño, nun espazo natural especialmente singular atópase o pazo de Goiáns. É un conxunto que se remonta ó século XV, con importantes reformas no XVIII, e que pasa por ser un dos máis singulares da zona, nunha comarca na que as casas señoriais son por si ricas e abundantes.

O pazo foi construído polos Fandiño Gaioso e ó longo do tempo foi propiedade das casas máis importantes de Galicia, como os Soutomaior, os Mariño, os Ulloa ou os Castro. Foi un dos máis importantes da zona, e para moitos expertos un dos máis salientables do Barbanza, xunto co de Xunqueiras, tanto pola súa feitura, como polo seu singular emprazamento, como pola súa orixe, posiblemente dunha torre derrubada polas revoltas irmandiñas.

Pazo de Goiáns en Boiro / foto listarojadelpatrimonio.org

Agora, despois de décadas de abandono e de chegar a ser recollido na Listaxe Vermella do Patrimonio Cultural de Hispania Nostra e tamén da web Patrimonio Galego, tras estar moi preto a súa desaparición, iniciáronse no día de onte as obras para a darlle nova vida. Será como museo e como Casa da Cultura e a intervención sacará finalmente o pazo da listaxe na que a delegación española da Unesco o ingresou tras o seu continuo abandono e saqueos.

Preto de un millón de euros para salvalo

As obras, que serán desenvolvidas pola UTE Proyecon Reboben González, comezaron no día de onte e agárdase que a obra estea rematada por completo en outubro de 2020. A intervención terá un orzamento de 990.850 euros financiados integramente polo Concello que contará, iso si, cun crédito sen intereses do Fondo de Cooperación do IGVS a devolver en 8 anualidades.

Pazo de Goiáns en Boiro / foto listarojadelpatrimonio.org

Os traballos centraranse na rehabilitación da vivenda e a torre e faranse practicamente dende cero xa que a día de hoxe non se conservan xa nin os forxados nin as teitumes. Foron desmontados nunha actuación que fixo que o pazo entrase na Listaxe Vermella e que puxo en serio perigo a edificación. Si se conservan as reixas e as escaleiras de ferro orixinais que foron no seu día desmontados e custodiados nun almacén municipal, sendo aínda un dos elementos máis orixinais deste conxunto.

Unha longa penitencia

E é que, xa en moi mal estado, os seus propietarios particulares decidiron poñer a propiedade á venda no ano 1999, facéndose con el o Grupo Eroski. Máis tarde, despois de varios intentos frustrados para recuperar o inmoble, foi a corporación nacionalista a que no ano 2010 mercou o pazo. Co cambio de goberno no ano 2011 o pazo volveu a sumirse nun longo sono, ata que no ano 2018 a mesma corporación, rexida polos populares, despois de longas presións, mudou o seu interese polo ben ata aprobar finalmente a actuación que comezaba no día de onte.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: